De troulas e devocións con Cedofeita por Lérez
Por Redacción
A asociación sociocultural Cedofeita de Lérez inaugura o próximo venres 2 de agosto a súa tradicional exposición de agosto no mosteiro de Lérez. Neste caso, convidarán aos asistentes a irse de troulas e devocións polas festas populares da parroquia.
A exposición, que se inaugurará ás 12.00 horas, leva por título 'De troulas e devocións. Festas populares de Lérez' e pretende ser unha aproximación ás festas celebradas entre os século XIX e XXI en Lérez a través de fotografías, textos e documentación.
A exposición estará aberta ao público os días 2, 3, 4, 5, 6 e 7 de agosto nas dependencias do mosteiro de Lérez en horario de 11.00 a 14.00 e de 19.00 a 22.00 horas.
A exposición amosa o ciclo festivo anual da parroquia, que abre coa festa de san Sebastián e continúa coa Candeloria, lembranza da ancestral 'festa das candeas' o entroido, que inclúe enterros da sardiña e do moinante e verbenas en Couso; e a festa da orella, pretendido recambio gastronómico ás festas desaparecidas, tamén está presente na mostra.
A festa do San Bieito, o santo máis milagreiro, que ten lugar dúas veces o ano, en verán e inverno, constitúe a única festa popular que aínda se segue a celebrar en Lérez, onde antano houbo festas dedicadas ao patrón (Divino Salvador), de marcada significación identitaria; e a do Cristo do Consolo de gran prestixio.
Outras festas xa desaparecidas poñían a fe na Virxe de Fátima, san Antonio, san Roque e santa Lucia que cada 26 de decembro cerraba o ciclo festivo. Tamén se celebraba a festa do Sacramento, que sería antecedente da festa dos rapaces, xa no século XXI; e as verbenas do Socorro e da Porta do Sol e das festas do Burgo.