Agroma de novo o interese dunha promotora inmobiliaria por urbanizar a finca do Teucro
Por Alejandro Espiño
A crise inmobiliaria acabou por paralizar o proxecto de urbanizar a antiga finca do Teucro, situada enfronte da basílica de Santa María, cuxa tramitación se atopaba en suspenso desde tempo atrás. Pero agora, trece anos despois, volveuse a reactivar o interese da promotora que se atopaba detrás desta iniciativa.
Así o confirmou este martes o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, que explicou que a promotora realizou unha consulta nos servizos municipais sobre a situación na que se atopa este proxecto, ante os cambios lexislativos en materia de solo.
En concreto, Moreda lembrou que a urbanización da coñecida como unidade de actuación 5 quedou paralizada no seu día xa que, a pesar de ter aprobado o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) e o proxecto de equidistribución, non se chegou a emitir o correspondente informe de impacto ambiental.
Agora, os promotores volveron a retomar este proxecto e preguntaron aos técnicos municipais se, coas novas leis na man, ese informe é necesario ou non.
Xaquín Moreda mostrou a súa satisfacción polos "pequenos movementos" que se rexistran ao redor deste proxecto que, segundo transcendeu, pretende retomar a iniciativa orixinal.
O edil lembrou que o proxecto presentado no seu día ante o Concello pretende urbanizar toda esta contorna, un espazo duns 13.000 metros cadrados, que pasaría a estar presidido por unha gran praza pública central e contaría con zonas verdes e viais que abrirían a finca, situada nas inmediacións do centro histórico, á cidade.
Ademais, a promoción contempla a edificación duns "catro ou cinco" bloques de edificios, segundo o responsable de Urbanismo, que podería supoñer a construción dunhas 170 vivendas.