Refuxio morado contra as agresións sexuais e machistas durante as festas da Peregrina
Por Natalia Puga
Unha caravana de cor morada ubicarase na praza de Ourense, ao carón das escaleiras de acceso á igrexa de San Francisco, durante os dous días grandes das festas da Peregrina. No interior, toda persoa que necesite asesoramento psicolóxico porque se vexa nunha situación de acoso ou agresión sexual ou agresión de carácter machista poderá atopar axuda. É o particular Punto Morado do Concello de Pontevedra para previr as agresións e aspira a que todas as persoas poidan gozar das festas da Peregrina con total liberdade.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade de Pontevedra, a socialista Paloma Castro, presentou o programa este martes. Trátase dunha iniciativa que este verán se pon en marcha en festas, festivais e eventos multitudinarios de toda a contorna que, neste caso, tomou a forma dunha caravana morada, pero que se basea nos mesmos principios.
No interior desa caravana estarán unha psicóloga e unha axente de igualdade que darán asesoramento psicolóxico a calquera persoa que se poida ver nunha situación de acoso ou agresión sexual ou agresión de calquera outro tipo de carácter machista. Os días que non estea esta caravana, o punto morado estará na sede do Concello na rúa Michelena e contará coa presenza de axentes da Policía Local.
A maiores, un grupo de voluntarios con chalecos morados da campaña percorrerá todas as zonas da cidade e informará e sensibilizará á xente. Tamén actuarán ante calquera situación de risco que poida encontrar, neste caso, trasladando o sucedido ao punto morado e alertando ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
A campaña municipal contra o acoso e as agresións tamén incluirá outras iniciativas que se darán a coñecer nos próximos días. O Concello presentará un protocolo de actuación, elaborará material audiovisual que se proxectará ao inicio dos concertos da Peregrina coa mensaxe de Stop Agresións e contra o machismo; e poranse en marcha accións formativas para os policías locais.
Paloma Castro explicou esta iniciativa parte da base de que os cidadáns queren ter unhas festas tranquilas nas que poidan gozar na rúa do seu tempo de lecer e, para conseguilo, non se pode permitir que as mulleres teñan que ver coartada a súa liberdade con algún tipo de agresión ou acoso.
A concelleira considera que "ogallá" non fora necesaria a posta en marcha deste tipo de iniciativas, pero "a mezcla de alcohol, a noite e a conciencia machista que aínda existe na nosa sociedade obrigan a que teñamos que tomar estas iniciativas". Na súa opinión, é unha garantía para que unha muller en Pontevedra poida que sentirse libre, saír con tranquilidade e gozar das festas.
Anima a participar a todas as persoas que se queiran sumar ao grupo de voluntarios. Todos os que o desexen poden poñerse en contacto cos promotores a través do número de teléfono 682660580 ou no correo electrónico asistogal@gmail.com.
Relacionadas:
-
Moitas dúbidas e ningunha denuncia na estrea do Punto Morado contra a violencia sexual e machista das Festas da Peregrina
Por Redacción |
-
Recordatorio morado para todas as persoas que se suman ás festas: "Sen o meu si, non"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra presenta unha nova campaña contra a violencia sexual
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación leva a súa campaña para previr agresións sexuais ao Festival Revenidas
Por Redacción |
-
A subdelegada do Goberno insta aos concellos a poñer en marcha os "puntos morados" en festas e eventos
Por Redacción |