Só dous ciclos de FP teñen as prazas esgotadas antes do peche do segundo período de matriculación
Por Manu Otero
O proceso de matriculación ordinaria nos ciclos de formación profesional de grao medio, grao superior e dual conclúen esta mañá ás 13 horas e, nos sete centros de Pontevedra que ofrecen este tipo de titulacións, só hai dúas que esgotaron as súas prazas na primeira convocatoria. Todos os demais teñen varias prazas liberadas, non só para os aspirantes que quedaron en lista de espera, tamén para os que reúnan os requisitos pero non se anotaron ao comezo do proceso ordinario.
Nos institutos pontevedreses ofrécense 29 titulacións de formación profesional. E só o ciclo medio de Electromecánica de Vehículos do CIFP A Xunqueira e o superior de FP Dual de Xestión de Aloxamentos Turísticos do CIFP Carlos Oroza teñen as súas prazas esgotadas. Dada a demanda deste tipo de titulacións, o resto de ciclos só liberan entre tres e catro prazas, pero existen casos nos que o volume de prazas libres dispárase. Entre os ciclos superiores nesta situación atópanse os de Dirección de Servizos de Restauración, con catorce prazas libres; o superior de Proxectos de Edificación, con 24 vacantes; o de Asistencia de Dirección, con catorce prazas sen asignar; ou o de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados, con 13 postos liberados.
Nas titulacións de ciclo medio tamén hai vacantes rechamantes como o de Panadería, Confeitería e Repostería, con sete ocos; Mecanizado, con 8 prazas sen dono; ou Carpintería e Moble, con dez postos libres.
Aqueles interesados en matricularse en calquera dos ciclos pode consultar aquí a listaxe de titulacións e prazas vacantes e ten de prazo ata as 13 horas deste mércores para presentar a documentación e cumprimentar os impresos necesarios.
Unha vez finalizado este proceso de matriculación, abrirase un período extraordinario no mes de setembro para adxudicar laz prazas que permanezan vacantes, aínda que nos últimos anos a maior parte dos institutos completaron as súas matrículas no mes de xullo.