O barco inglés Helen, protagonista da batalla de Aguete, reclamo da Festa Corsaria 2019
Por Redacción
O barco inglés Helen, de 44 canóns e protagonista o 22 de agosto de 1800 da coñecida como batalla de Aguete actuará este ano como reclamo da nova edición da Festa Corsaria de Marín. Será a imaxe central da festa, que se celebrará o 17 de agosto e contará cun amplo programa de actividades baseadas na música, animación e diversión.
As concelleiras de Marín Marián Sanmartín e Raquel Soage deron a coñecer este mércores a imaxe da Festa Corsaria 2019. A festa presentarase oficialmente o venres 9 de agosto, pero, como aperitivo, xa deron a coñecer esa imaxe promocional, na que aparece unha gran fotografía do Helen, que en 1800 enfrontouse ao Carmen Brillante cando o corsario marinense Juan Gago saíu ao rescate da fragata Alcudia, cargada de moedas de prata para entregalas á coroa.
As edís fixeron un adianto do programa da presente edición, que mantén unha liña continuista e terá como día grande o sábado 17 de agosto. O venres 16, como adianto, o grupo musical de Valga A Banda de Balbina dará un concerto ás 21.30 horas no escenario que estará situado na zona central da Alameda.
Ese día previo abrirá o mercado corsario, haberá actividades infantís nas rúas Real e Sol e realizaranse os primeiros pases de animación de rúa de pregoeiros que servirán para anunciar o día forte.
O sábado 17 Marín encherase coas mesas de comidas e ceas -que continúan a un gran ritmo de inscrición- e con actividades para todas as idades. O desembarco corsario é o gran protagonista.
A programación incluirá a máis de 44 compañías da escena nacional e asociacións da vila e terminará á unha da madrugada co concerto man a man entre os Black Stones & Desconcerto.
O Parque Eguren transformarase nunha vila mariñeira con máis de 20 de oficios do século XVIII e concertos de música popular con Cantos de Taberna a partir das 21.30 a cargo de Abobrigas.