Nova inxección económica da Deputación aos concellos máis avanzados na compostaxe
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra ten previsto levar á xunta de goberno deste venres un novo impulso para o Plan Revitaliza mediante a concesión de subvencións a aqueles 9 concellos que están máis avanzados na implantación da compostaxe no tratamento dos biorresiduos.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, compareceu este xoves en rolda de prensa para avanzar que o goberno provincial ten previsto facer unha análise da situación na que se atopa o Plan Revitaliza para encarar unha nova etapa despois dos cambios nas alcaldías dalgúns municipios que forman parte desta iniciativa.
A día de hoxe son 42 os concellos que están adheridos ao Plan Revitaliza dos 61 que conforman a provincia de Pontevedra o que César Mosquera valorou como "todo un indicativo do éxito do Plan". En calquera caso o vicepresidente matizou que "é máis importante atender ben aos concellos que o número" aínda que admitiu que "loxicamente, se se adhiren máis no futuro estaremos encantados".
Son 14 os concellos que se atopan nunha fase máis avanzada deste modelo de xestión dos residuos baseado na compostaxe, o que significa que se compostan o 52% dos biorresiduos que producen. Destes concellos, 9 concorreron a esta convocatoria de axudas na que a Deputación achegará 1.7 millóns de euros (trátase dos concellos de Mondariz, As Neves, Tomiño, Vilaboa, Mondariz Balneario, A Illa de Arousa, Valga, O Grove e Poio).
Este diñeiro destinarase a comprar composteiros individuais e comunitarios, material complementario ou mesmo un camión para trasladar o estructurante.
O concello de Pontevedra non recibe subvención económica directa para facer o despregamento da compostaxe por parte da Deputación, polo que non se pode considerar dentro da Liña 2 do Plan Revitaliza a pesar de ser un dos concellos que máis avanzou na consolidación deste modelo dentro da provincia.
César Mosquera recoñeceu que a incorporación do concello de Vigo ao Plan Revitaliza obrigaría a reformular o actual modelo debido á dimensión da cidade olívica que "alteraría a escala" do método de traballo en canto á necesidade dunha planta de tratamento e máis persoal técnico. "Outra cousa é que non poida haber colaboracións, que as haberá", engadiu o vicepresidente provincial.