O Concello solicita permiso á Universidade de Vigo para a construción do skatepark da Xunqueira
Por Redacción
O concelleiro de Deportes do Concello de Pontevedra, Tino Fernández, vén de asinar a autorización para solicitarlle á Universidade de Vigo o permiso de construción dun skatepark no campus. Deste xeito, o socialista pretende axilizar así ao máximo os trámites deste demandado proxecto deportivo, "que se atopaba algo estancado" e no que se investirán 503.832 euros.
O emprazamento destinado a albergar o novo skatepark é unha parcela de titularidade pública, de xeometría triangular e unha superficie de 8.416 metros cadrados, situada no contorno do campus universitario da Xunqueira, entre a estrada nacional N-550 e a rúa Celso Emilio Ferreiro.
Tal e como lembra Tino Fernández, con este equipamento deportivo preténdese "satisfacer as necesidades da comunidade de skaters da cidade, así como difundir o práctica deportiva e captar novos afeccionados ao skate".
O proxecto deseñado pola empresa de arquitectura Daw Office SLU propón a creación dun circuíto coa combinación de dúas Skate Prazas enlazadas por un espazo elevado intermedio xerador de velocidade (de xeito que poida funcionar como un único elemento de grande percorrido e, ao mesmo tempo, como dúas prazas con percorridos internos).
A Praza Norte mantería obstáculos de maior dificultade e incluiría unha "mini-ramp" de aceleración seguida de set de escaleiras, rampas e "eurogap" con barandas en baixada; un conxunto de "hip", "bank to bank" e barandas na parte central, e un dobre quarter con "rolling" central no seu extremo sur.
A Praza Sur acollería obstáculos máis elementais e de dificultade media que permitan a iniciación nesta especialidade: unha rampa con baranda central en baixada; unha parte intermedia con caixón, repisas, unha baranda baixa e unha media pirámide, e un punto de retorno mediante "quarter-pipe" e baixada ao "bowl".
No que atinxe ao "bowl", tratarase dun elemento tipo piscina, encadeado con "quarter-pipe", cunha xeometría definida por encaixe en ángulo de dúas piscinas semirrectangulares con fondo variable e que disporá dunha intersección con "spine".
O proxecto, deseñado en consenso coa Asociación de Skaters de Pontevedra, prevé adecuar o contorno deste equipamento para crear espazos de descanso e lecer para usuarios do equipamento, acompañantes destes ou público en competicións deportivas, ocupando a infraestrutura un total de 2.155,50 metros cadrados, adaptándose á topografía e respectando a vexetación existente. O skatepark estaría integrado nos percorridos dun complexo maior, un espazo verde con vexetación que dá sombra, lugares nos que reposar e unha pista para o skate.
Relacionadas:
-
Avances entre Concello e Universidade para a construción do skatepark, o edificio de Moda e a desafectación dos terreos do campus
Por Redacción |
-
Concello e Universidade activan a construción do skatepark na parcela do campus
Por Redacción |
-
A avenida Raíña Vitoria vai adaptarse para ser unha praza "provisional" para skaters
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP pide replantear o skatepark da Xunqueira para incluír modificacións
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra prevé iniciar a construción do skatepark antes de que remate o ano
Por Alejandro Espiño |