Touradas fóra de Pontevedra, sobre o 'baixón' da afección taurina: "Sendo a única praza de Galicia, nin con esas conseguen enchela"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A plataforma Touradas fóra de Pontevedra volverá saír á rúa este ano en contra das touradas coa xa tradicional manifestación que percorrerá as rúas da cidade coincidindo co día grande da feira taurina da Peregrina. A cita será este ano o sábado 10 de agosto ás 20.00 horas na praza da Peregrina e contará co apoio de 130 colectivos, partidos políticas e entidades.
Unha das voceiras do colectivo, Vicky Estévez, explicou este xoves que a manifestación deste ano insistirá na necesidade de modificar a lei de protección animal de Galicia e tamén no 'baixón' que pegou a afección pola tauromaquia en Pontevedra.
Así, sosteñen que o entramado taurino "está en crise" porque cada vez reducen máis a súa actividade e este ano reducen as citas da feira taurina a tan só dúas xornadas da fin de semana dos días 10 e 11 de agosto. "Sendo a única praza de Galicia, nin con esas conseguen encher a praza", sosteñen, de maneira que pensan que é "o momento de facer forza".
O colectivo fai un chamamento a toda a cidadanía galega para que secunden a protesta, que partirá e rematará na praza da Peregrina e incluirá a lectura dun manifesto por parte dunha persoa pública que rexeita o maltrato animal cuxa identidade se dará a coñecer a próxima semana.
A plataforma busca conseguir que a Xunta de Galicia cambie a lei de protección animal porque exclúe as touradas e comportamentos que non estarían permitidas con outros animais están permitidos en relación cos touros. Lembran que o próximo ano hai eleccións autonómicas en Galicia e en caso de que os políticos contrarios ás touradas teñan maioría, sería "máis doado" conseguir erradicalas.
Parte das reivindicacións deste colectivo están dirixidas ao Concello de Pontevedra e ao convenio que cada ano asinan cos empresarios propietarios da praza de touros de San Roque, os irmáns Lozano, para o uso das instalacións. Lémbranlle que o BNG de Vigo propón a regulación do espazo público para non autorizar a publicidade taurina mentres os nacionalistas potnevedreses regulan esa publicidade con ese convenio.
"Pedimos que dean un paso máis e voten abaixo ese convenio dunha vez por todas", indica Vicky Estévez en nome dun colectivo que considera que ese convenio "é unha subvención encuberta coa que lle están dando cartos ao lobbie taurino".
Ademais, engaden que Pontevedra ten moitísimo atractivo a nivel internacional e que as touradas "danan a imaxe da nosa cidade".
Relacionadas:
-
'Touradas fóra' volve saír á rúa "nunha das maiores manifestacións das convocadas de forma regular en Pontevedra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Podemos Galicia esixe á Xunta e ao Concello que deixen de apoiar as touradas
Por Redacción |
-
Asociacións animalistas piden ao Concello unha consulta popular sobre os touros
Por Redacción |
-
Os antitouradas ven a feira de Pontevedra en "completo retroceso" e piden "erradicala"
Por Redacción |
-
Centos de persoas reclaman que Pontevedra deixe de ser a capital taurina de Galicia
Por Redacción |
-
Xestos de homenaxe á faceta antitouradas de María Vitoria Moreno
Por Redacción |
-
Touradas fóra de Pontevedra aprecia un crecemento "moi importante" na sensibilización da cidadanía contra a tauromaquia
Por Oskar Viéitez |