Os Baños de San Xusto reconverteranse en balneario, saunas e pozas termais

Por Redacción

© Concello de Cerdedo-Cotobade

© Concello de Cerdedo-Cotobade
Xa se coñece o aspecto que terán os Baños de San Xusto tras a súa rehabilitación. O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de presentar o proxecto dunha actuación que prevé converter a antiga minicentral en balneario, recuperar os muíños como saunas, crear un espazo para hostalaría e mellorar os accesos.
Este ambicioso proxecto, que terá un prazo de execución de quince meses, custará 684.875 euros. Os cartos virán dunha achega da Xunta de Galicia, concretamente do departamento de Medio Ambiente a través do coñecido como Pacto Pola Paisaxe de toda Galicia.
A rehabilitación integral deste espazo natural está deseñada segundo o proxecto realizado pola arquitecta Cristina García.
O proxecto consiste na rehabilitación da antiga minicentral, os edificios e as bañeiras, así como na recuperación dos muíños e doutros elementos patrimoniais e etnográficos da contorna, na que se poderá gozar dos beneficios das augas termais a través de pozas públicas ao aire libre.
"É un proxecto moi completo e ben deseñado que vai servir para poñer en valor esta emblemática zona, recuperar o noso pasado e contar cun novo e importante atractivo turístico que vai achegar moita xente ao noso municipio", explicou o alcalde, Jorge Cubela.
A arquitecta Cristina García concibiu a rehabilitación desta zona para a posta en valor das augas mineromedicinais e a recuperación dun patrimonio cultural industrial como é a central eléctrica abandonada nun enclave fluvial de gran beleza paisaxística.
Así, aposta pola rehabilitación da minicentral como balneario para o uso de augas sulfurofluoradas, a recuperación dos catro muíños e da casa do muiñeiro para a súa conversión en saunas e as edificacións anexas para espazos de hostalaría.
"O evocador concepto de ruína, a transparencia, as vistas ao río e á contorna, os espazos acolledores e os parámetros de eficiencia e sustentabilidade van facer que sexa un espazo único plenamente conectado coa natureza", engadiu o alcalde.
Tamén haberá espazos de lecer con plataformas de madeira, fontes cubertas para poder beber as augas, poranse en valor todos os elementos patrimoniais e etnográficos e melloraranse os accesos e a urbanización.
A actuación inclúe a reordenación da zona, mantendo as antigas bañeiras ou reconstruíndoas a partires das súas propias trazas co obxectivo de que poidan ser empregadas de xeito libre. Esta zona de entrada tamén verá mellorada a súa fonte, os seus accesos e a vexetación co obxectivo de que a auga sexa a gran protagonista.
Relacionadas:
-
O PSOE de Cerdedo-Cotobade pide a Cubela que aclare como reformará os Baños de San Xusto se perde a subvención
Por Redacción |
-
Comezan as obras que converterán os Baños do San Xusto en balneario con pozas públicas
Por Redacción |
-
A rehabilitación integral dos Baños do San Xusto será unha realidade en 2020
Por Redacción |
-
Feijóo e Cubela pactan un investimento de nove millóns en Cerdedo-Cotobade ata 2023
Por Redacción |
-
O proxecto para a rehabilitación da emblemática zona termal de San Xusto encara a recta final
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade presume das Augas da Freixa e do Val de Quireza
Por Redacción |
-
Os Baños de San Xusto pasarán a ser un balneario con pozas públicas
Por Redacción |