O centro histórico de Cuntis pasa a ser zona de "absoluta preferencia peonil"
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Cuntis vén de tomar unha drástica decisión, solicitada polos veciños e comerciantes da vila. Os coches terán un acceso moi limitado ao seu centro histórico. Todo este ámbito urbano pasa a ser unha zona de "absoluta preferencia peonil" desde este xoves.
A través dun bando asinado polo alcalde, o Concello considera o seu centro histórico como un escenario "vital" para o desenvolvemento económico e turístico do municipio, polo que apostan porque se converta nun "espazo de convivencia".
Así, o casco antigo será peonil de xeito provisional e durante as fins de semana de cara á recuperación deste espazo para a promoción da convivencia, da economía local e do turismo e a utilización por parte de toda a cidadanía.
Deste xeito, todo o ámbito da Rúa da Igrexa dende a N-640 ata a Praza das Árbores, a Praza do Ferrol, a Praza de Galicia e a Rúa do Balneario dende a ponte do río Gallo ata a Rúa da Presiña estará afectado por esta medida.
Non se permitirá a circulación de ningún vehículo a motor nin o estacionamento dende as 14.00 horas dos sábados ata as 24.00 horas dos domingos pola Rúa da Igrexa, Praza de Galicia, Praza das Árbores e parte da Praza do Ferrol. Só se permitirá a entrada dende a N-640 aos taxis, aos servizos de emerxencia e aos servizos municipais.
Ademais, só quedará permitida a circulación de vehículos a motor pola Rúa da Presiña, no tramo da Praza do Ferrol e a Rúa do Balneario ata a ponte, permitíndose unicamente a parada por un tempo de quince minutos na zona de estacionamento habilitada na esquina da Praza de Galicia e o servizo de taxi.
A velocidade máxima por todas estas rúas quedará limitada a 20 km/hora e esta decisión irá acompañada de sancións para todo aquel condutor que incumpra esta normativa.
Relacionadas:
-
Toques de atención aos coches aparcados no centro histórico de Cuntis, declarado peonil as fins de semana
Por Redacción |
-
O Concello de Cuntis nega irregularidades no pago de facturas
Por Redacción |
-
O PP de Cuntis critica os procedementos de contratación e os reparos de intervención do goberno local
Por Redacción |