Mans á obra cos cruceiros: comeza a restauración dunha trintena en todo o concello
Por Alejandro Espiño
Recuperar 30 dos cruceiros situados nas parroquias do rural. ÿ o obxectivo co que nace o Plan de cruceiros que pon en marcha a Concellaría de Patrimonio Histórico. Nos próximos tres anos investiranse 150.000 euros. Preténdese conservar, restaurar, protexer, limpar e divulgar cruceiros de máis de cen anos de antigüidade, algúns deles declarados Ben de Interese Cultural "o máximo nivel de protección patrimonial", segundo Luís Bará.
Trátase, aproximadamente, da terceira parte do centenar de cruceiros catalogados no Concello de Pontevedra. Moitos deles atópanse nun estado precario, "moi deteriorados ou ata custodiados en casas particulares", debido a accidentes ou agresións relacionadas co seu emprazamento próximo a estradas e cruces, a actuacións inadecuadas na súa contorna, á desaparición dalgunhas partes ou a restauracións inapropiadas.
Luís Bará explicou que esta situación obriga ao Concello de Pontevedra a poñer en marcha distintos tipos de actuacións, entre as que destacou a restauración de cruceiros danados por accidentes, que nalgúns casos serán recolocados nas proximidades protexéndoos do tráfico rodado; a consolidación dos cruceiros en mal estado ou en risco de desplome; a retirada de cableados e outras intrusións visuais ou a limpeza de toda a súa contorna.
No segundo semestre de 2013, actuarase en oito cruceiros, investindo uns 50.000 euros:
- Campañó: cruceiro de Casaldomendo
- Santa María de Xeve: cruceiro de Gatomorto de Arriba e cruceiro de Gatomorto de Abaixo
- Alba: cruceiro de Reiriz e dous cruceiros no camiño de Ponte Cabas a Ferreira (Lérez)
- Salcedo: cruceiro de Covas
- Mourente: cruceiro de San Amaro
Ademais destes traballos de restauración, Luís Bará sinalou que, en seguintes fases, o Concello de Pontevedra, en colaboración coas asociacións de veciños e as comunidades de montes, emprenderán unha ardua tarefa de sinalizar, documentar e divulgar todo este patrimonio. Para iso, entre outras cousas, editaranse unha serie de publicacións sobre os cruceiros pontevedreses e organizaranse visitas guiadas.