Carmela Silva reelixida por unanimidade presidenta do Consorcio Provincial Contra Incendios
Por Redacción
O pleno constitutivo do Consorcio Provincial para a prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento elixiu este xoves a Carmela Silva presidenta do organismo, cargo que a presidenta da Deputación de Pontevedra xa ostentou nos últimos catro anos.
O pleno tamén elixiu como vicepresidente do Consorcio ao Director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva Álvarez, por delegación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, xa que tal e como prevén os estatutos o cargo corresponde á persoa titular da Consellería con competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias.
Na sesión constitutiva tamén tomaron posesión as novas persoas representantes da Deputación de Pontevedra, neste caso, os deputados Carlos Font e Santos Héctor Rodríguez, mentres que pola Xunta de Galicia repite o seu delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e tomará posesión a nova delegada territorial en Vigo, Corina Porro.
En canto ao funcionamento do pleno e da comisión especial de contas do Consorcio, estableceuse un réxime de sesións ordinarias con periodicidade semestral a celebrar nos meses de abril e outubro, mentres que as sesións extraordinarias ou urxentes rexeranse polo disposto na normativa de réxime local e nos estatutos do consorcio.
No decurso do pleno tamén deuse conta do inventario do Consorcio, cun valor do inmobilizado material de 4.438.089,92 euros, e a acta de arqueo cun saldo en conta a 31 de xullo de 2019 de 4.306.870,00 euros, "o que pon en valor a boa xestión e de saneamento económico destes últimos catro anos", valoraron dende o goberno provincial.