Bueu servirá unha trintena de especialidades na súa vixésima Festa do Polbo
Por Redacción
Xa está todo preparado en Bueu para acoller unha edición moi especial da súa tradicional Festa do Polbo. A súa vixésima celebración será entre os días 9 e 11 de agosto no campo da Estacada e nela tres hostaleiros locais prepararán unha vintena de especialidades e formas de cociñar este saboroso cefalópodo.
A festa arrancará o 9 de agosto ás 19.30 horas, momento dende o que xa se poderá gozar das especialidades e do polbo á feira, que tamén serán ofertados o sábado e domingo de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00 horas.
As variedades terán un custe de 6 euros e de 10 euros segundo a ración, e serán ofrecidas por tres establecementos: O Rincón de Cela, Frigoríficos Rosa de los Vientos e Casa Acuña.
Rosa de los Vientos disporá, por seis euros, de empanada de polbo de trigo e de millo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo e fabas con polbo; e por 10 euros, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaén, polbo á feira e polbo á galega (en caldeirada).
O Rincón de Cela presentará empanada de polbo de millo e trigo, croquetas de polbo e paté de polbo, todas por 6 euros; mentres que por 10 euros, os comensais poderán probar polbo ao allo con berberechos, polbo á feira, polbo á prancha, polbo en caldeirada, hamburguesa de polbo e pizza de polbo.
Por último, Casa Acuña terá por seis euros empanada de polbo de millo e trigo, croquetas de polbo e queixo de tetilla, tosta de polbo, arroz de polbo e taco de millo con polbo; e por 10 euros, polbo á feira, polbo de Arzúa, polbo en caldeirada, polbo grellado con puré de pataca e polbo ao Albariño e mollo verde.
Ademais diso, e como vén sendo habitual, a gastronomía combinarase coa programación cultural e festiva dun evento que, segundo avanzou o Concello, traballará para conseguir a declaración de festa de interese turístico galego.
A inauguración oficial será o sábado ás 12.00 horas, coa lectura do pregón a cargo de Marta Currás, escritora residente en Vigo pero con raíces na vila.
A continuación, ás 12.30 horas, terá lugar unha sesión vermú amenizada polo grupo Fanfarria Taquikardia, coa que se ofrecerá un pack de tapa e vermú galego por 6 euros; e á que seguirá unha exhibición de barbería tradicional a cargo de Marino's Barber Shop.
Xa pola noite, ás 22.30 horas, a actriz e humorista galega Isabel Risco presentará o seu espectáculo Nabiza Girl!, no que se interpreta a unha súper heroína rural galega con denominación de orixe protexida.
O domingo, ás 12 da mañá, o grupo Retrouso amenizará a sesión vermú e pola noite, ás 19.30 horas, o programa cultural rematará co concerto infantil de O Capitán Garfo. Ademais haberá numerosas actividades infantís cun espazo con xogos cedidos polo CEIP Montemogos.