Pontevedra buscará en outubro unha ‘marea verde’ de 2.500 persoas contra o cancro
Por Redacción
O Concello de Pontevedra e a AECC aspiran a acadar o próximo 6 de outubro unha 'marea verde' de 2.500 persoas contra o cancro coa marcha solidaria Andar e Correr contra o Cancro. Será a súa terceira edición e contan con ter 1.000 participantes máis que o ano pasado.
O concelleiro de Deportes e alcalde en funcións, Tino Fernández; Carmen Abeledo, voceira da xunta directiva da AECC de Pontevedra; e Eva Barrio, responsable de Comunicación e Marketing da asociación, mantiveron unha reunión este xoves e, ao seu remate, deron a coñecer ese reto que se marcan para outubro.
Trátase dunha proba solidaria non competitiva na que teñen cabida todas as persoas que o desexen, pois ten un percorrido adaptado a persoas con mobilidade reducida. Para os menores de 12 anos, ademais, será de balde, e para os maiores a inscrición terá un custo de entre 5 e 6 euros.
A marcha desenvolverase nun circuíto urbano de 6,5 quilómetros con punto de partida e retorno en Montero Ríos. Pasa pola Praza de España, Arcebispo Malvar, Galera, avenida de Uruguai, Ponte das Correntes, paseo do río Rons, A Xunqueira de Alba, rotonda da ponte do Burgo, Paseo de Domingo Fontán, ponte de Santiago, Pai Amoedo, Serra, Praza de Curros Enríquez, Ferrería, Paseo de Antonio Odriozola e Michelena.
O evento contará cunha multitude de actividades paralelas, como puntos informativos, avituallamento, sorteo de agasallos e xogos para nenos. Asemade, e baixo o lema de 'Domingo saudable en familia', ao final da marcha celebrarase unha festa na que participantes e público en xeral poderán gozar de 'stands' de produtos de merchandising e informativos da AECC, así como de música e animación.
Ao remate da reunión, Tino Fernández agradeceu o "enorme" esforzo da AECC en materia de prevención e de axuda e manifestou a absoluta disposición do Concello a respaldar e colaborar con este tipo de iniciativas.
Relacionadas:
-
Máis de 40 persoas larinxectomizadas participan no programa 'Volver falar' da AECC
Por Redacción |
-
Contra o cancro, non importa se andas ou corres, a cuestión é estar
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Multitudinaria marcha contra o cancro en Pontevedra
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Unha marea verde alagará Pontevedra na segunda marcha "Andar e correr" da AECC
Por Diego Espiño |