O sol e as altas temperaturas animan a 200 persoas a sucar o Verdugo en piragua
Por
As altas temperaturas e o sol deste xoves animaron a unhas 200 persoas a sucar o río Verdugo con motivo da nova edición do paseo gratuíto en piragua polo río Verdugo organizado polo Concello da Lama.
Os participantes, provistos obrigatoriamente de chaleco salvavidas e supervisados por monitores do Club de Piragüismo de Vilaboa, participaron en 6 quendas corridas para facilitar un acceso máis organizado e equitativo entre as persoas inscritas previamente nesta actividade que tivo que ser aprazada a hoxe xoves polas malas condicións atmosféricas do pasado luns.
Os monitores explicaron aos participantes os distintos modelos de piragua, as diferenzas coas canoas e as principais técnicas para facer máis eficiente a palada na auga.
A iniciativa lúdico-formativa estaba enfocada para persoas de todas as idades e forma parte do plan de actividades do 'Verán Cultural' da Lama. Durante toda a xornada, estiveron presentes os concelleiros David Carrera e Daniel Vidal.
Este evento é xa unha cita obrigada do verán para os veciños da Lama e os seus visitantes, xa que lles permite un maior goce do tempo libre familiar e favorece a interrelación xeracional a través da práctica de actividades saudables e de encontro coa natureza.