Proxectan ampliar o porto deportivo de Combarro e atraer barcos de maior tamaño
Por Alejandro Espiño
Contar con maior espazo para atracadas e atraer barcos dun maior tamaño. Son dous dos obxectivos polos que Combarromar, sociedade que xestiona o porto deportivo de Combarro, puxo en marcha un proxecto para ampliar as súas instalacións.
Así, o porto pasará das 334 prazas actuais para barcos de 6 a 24 metros de eslora ás 368 previstas para 2020. Será posible grazas á incorporación de novos investidores.
As novas instalacións, que poden ser reservadas xa, destinaranse a embarcacións de esloras medias e grandes, de 16 a 26 metros, que son as prazas de maior demanda na actualidade, segundo os responsables do porto deportivo.
Con esta ampliación, a dársena de Combarro busca reforzar a súa posición de liderado nas Rías Baixas. Actualmente rexistra unha ocupación do 85% no inverno e do 100% en tempada de verán.
Do milleiro de embarcacións que chegan cada ano a este porto, segundo o balance que fixo público a sociedade que o xestiona, a metade son de fóra de España, maioritariamente francesas, inglesas, irlandesas, alemás e suecas, aínda que tamén se rexistra unha importancia presencia de barcos estadounidenses, portugueses e australianos.
A intención de Combarromar, reflectida con esta pretendida ampliación, é converter a Combarro nunha base náutica completa
Nos últimos cinco anos, ademais, ata un 15% do total de embarcacións con sede permanente nas súas instalacións son estranxeiras.
A intención de Combarromar, reflectida con esta pretendida ampliación, é converter a Combarro nunha base náutica completa.
Xunto coas novas atracadas, o porto tamén espera aumentar en breve os servizos para navegantes e visitantes, con novos locais de restauración e lecer ou un maior número de prazas de aparcamento.
Ademais, impulsaranse unha maior cantidade de actividades náuticas como cursos, escolas, competicións de vela e equipos de regatistas; e melloraranse os servizos ás embarcacións con atracadas de calidade e posibilidade de 'invernaxe', mantemento e reparacións no varadeiro e unha mariña seca.
Este proxecto de ampliación presentarase oficialmente o próximo mes de setembro.