Pontevedra pecha o mes de xullo cunha ocupación hostaleira do 70,4%
Por Oskar Viéitez
A provincia de Pontevedra rexistrou unha ocupación hostaleira media do 70,4% no mes de xullo segundo os datos obtidos por Turismo Rías Baixas e que este venres ofreceu en rolda de prensa a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
"Seguimos tendo uns resultados extraordinarios", celebrou Carmela Silva destacando que este dato supón 3 puntos máis que no mes de xullo de 2018.
A presidenta da Deputación tamén destacou que o sector hostaleiro sinalou que "o gasto medio por visitante está a aumentar de forma substancial", o que significa que na provincia de Pontevedra está a crearse "máis economía, máis riqueza e máis beneficio".
DATOS POR COMARCAS
A comarca do Salnés rexistrou un 71% de ocupación (2,5% máis que en xullo de 2018) destacando os datos de Sanxenxo, cun 82% , e O Grove cun 79%. Na comarca de Pontevedra xullo deixou un 75% de ocupación (7% máis), superándose o 82% na capital.
No Morrazo alcanzouse un 79% (2,5% máis). En Caldas un 77,1% (levemente inferior ao ano pasado) pero con 100% de ocupación na primeira quincena de xullo na vila de Caldas debido ao festival de música PortAmérica.
No caso da comarca de Vigo, a ocupación hostaleira en xullo foi do 76,5% (4% máis), con mencións especiais á cidade de Vigo (82%) e a Baiona (77%). No Baixo Miño, un 70,2% (8% máis). No Condado e A Paradanta un 53,6% (3% menos que o ano anterior). En Deza e Tabeirós-Terra de Montes, un 60,7% (case 13% máis que o ano pasado).
PONTE DO 25 DE JULIO
Na ponte do 25 de xullo na provincia rexistrouse unha ocupación do 75,6%, "un dato espectacular", valorou Carmela Silva. Por comarcas, na do Salnés alcanzouse o 85,2%. En Pontevedra: 84,5%. No Morrazo: 87,9%. En Caldas: 81,6%. En Vigo: 81,1%. No Baixo Miño: 83,7%. No Condado e A Paradanta: 40,6%. En Deza e Tabeirós-Terra de Montes: 60,5%.
PERFIL DO VISITANTE
En canto ás persoas que visitan as Rías Baixas, maioritariamente presentan "un perfil familiar, ao redor das catro persoas, cunha estancia media de oito días e orixe sobre todo estatal", dixo Carmela Silva atendendo aos datos solicitados nas oficinas de Turismo Rías Baixas.
O visitante estatal supón o 85,5% do total, procedendo principalmente de Madrid, Barcelona, Euskadi, Aragón ou Estremadura. O turismo estranxeiro supuxo o 14,5% e son persoas que chegan, sobre todo de Francia, a Alemaña, Portugal, Italia e a Arxentina.
CASTELOS E ILLAS
En canto aos castelos, durante o mes de xullo achegáronse a eles preto de 4.000 persoas no caso de Soutomaior (3.933 persoas) e outras 1.824 ao de Sobroso. Carmela Silva tamén valorou os datos de mes de xullo nas principais illas, con "Cíes sen prazas durante todo o mes e xa esgotadas ata finais de agosto", e "30.000 visitas a Ons con 6 días sen prazas".
Relacionadas:
-
Datos positivos no sector turístico en setembro "pese á choiva"
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo atópase en cifras de récord de ocupación hostaleira
Por Redacción |
-
A Deputación desconfía das cifras de turismo da Xunta: "eses datos nin me cadran nin os miro na rúa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada