Unha noite na Festa do Albariño: 100 denuncias, un detido por tráfico de drogas e roupa e calzado falsificados
Por Redacción
O operativo especial de seguridade posto en marcha pola Garda Civil con motivo da Festa do Albariño de Cambados está a ter moita actividade estes días. Este xoves, por exemplo, detiveron a un veciño de Vilagarcía por tráfico de drogas, formularon medio centenar de denuncias administrativas por tenencia e consumo de estupefacientes e alteracións da orde pública e incautaron roupa e calzado falsificado.
En canto ao mozo de Vilagarcía de Arousa detido presunto autor dun delito contra a saúde pública, segundo a Garda Civil, foi sorprendido cun centenar de dose de estupefacientes na vía pública.
A detención tivo lugar cando unha das patrullas que integraban o dispositivo especial de seguridade sorprenderon a este individuo entre un grupo de mozos, no momento que portaba unhas cen doses de cocaína dispostas para a venda.
No marco das actuacións da Garda Civil para erradicar a venda, distribución e consumo de drogas, formuláronse 24 denuncias administrativas pola tenencia e consumo de estupefacientes en lugares e establecementos públicos.
Ademais, foron identificados unha trintena de mozas como supostos autores de infraccións como alteración da orde pública, falta de respecto aos axentes da autoridade e ouriñar na vía pública, entre outras.
Así mesmo, dous locais foron denunciados por excederse no horario de peche e varios menores identificados cando consumían bebidas alcohólicas, tendo que se avisados por iso os seus proxenitores.
A Patrulla Fiscal e Fronteiras de Vilagarcía, que reforzaba o dispositivo de seguridade cidadá, incautouse dunha importante cantidade de roupa e calzado falsificado que estaba exposto para a venda en tres postos ambulantes, cuxos propietarios foron notificados como presuntos autores dun delito contra a propiedade industrial.