A Garda Civil e a Policía Judiciaria portuguesa investigan unha fraude de 20 millóns en axudas europeas
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra e a Policía Judiciaria portuguesa investigan pola vía penal a dez persoas vinculadas cunha operación aberta en Portugal para investigar un posible caso de fraude relacionada con axudas europeas. Atribúeselles un delito fiscal.
A investigación céntrase nun armazón de sociedades portuguesas e españolas que poderían obter de forma fraudulenta máis de 20 millóns de euros procedentes dos fondos comunitarios do programa 'Portugal 2020'
A operación, bautizada como 'Frangus', iniciouse por mor dunha orde europea de investigación instada polas autoridades xudiciais portuguesas. Por orde do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo, a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra activou un protocolo de cooperación internacional coa Policía Judiciaria e realizou catro rexistros.
A investigación permitiu pescudar que existían empresas en ambos os países que tiñan establecido entre elas un circuíto de facturacións para obter fondos comunitarios do citado programa. Para iso, as empresas españolas, algunhas das cales estaban administradas por cidadáns portugueses, poderían estar a emitir facturacións falsas para as sociedades portuguesas, chegándose a verificar que algunhas das sociedades que conformaban o armazón figuraban dirixidas polo mesmo administrador.
A Garda Civil incautou numerosa documentación relativa a balances, extractos de contas correntes, declaracións fiscais e comprobantes de pago que poden ser determinantes para esclarecer os feitos investigados.
A falta dunha análise pormenorizada da documentación intervida nos rexistros, despréndese que a facturación destas sociedades non responde a negocios subxacentes reais, senón máis ben que estaban orientadas exclusivamente a xustificar de forma fraudulenta as solicitudes de subvencións de fondos europeos.