Os traballadores de Atención Primaria denuncian a falta de substitutos
Por Oskar Viéitez
"A Parda quedou sen un médico pola tarde e sen un pola noite, un deles trasladado ao PAC de Baltar, en Portonovo". Unha vez máis os traballadores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) reiteran a situación que están a vivir nalgúns centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra.
Igualmente informaron que o PAC de San Roque, que atende as urxencias de primaria de toda a poboación de Vilagarcía de Arousa, Vilanova e Catoira, volveu quedar durante a noite do xoves cun só médico de garda, xa que o outro profesional foi derivado para o centro de saúde do Grove, que quedou sen facultativo por indisposición do titular.
Estes traballadores reclamaron á xunta de persoal da área sanitaria que "tome cartas no asunto" e poña fin ás horas extras e obrigadas nas xornadas de descanso dos traballadores.
No caso de Ribadumia o grupo municipal socialista convocou aos veciños a unha concentración en protesta para o mércores 7 ás 12 horas fronte ao centro de saúde pola "lamentable situación" da atención primaria neste concello cun só facultativo que atende a máis de 115 pacientes por día e agora está tamén sen pediatra.
Pola contra, desde a Xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra contrarrestan estas denuncias destacando que a Atención Primaria é a mellor valorada na sanidade pública con máis de 2.750.000 consultas satisfactoriamente atendidas nesta área sanitaria.
Relacionadas:
-
A falta de médicos altera o funcionamento dalgúns Puntos de Atención Continuada
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas critican o "desinterese" do Concello de Sanxenxo polos problemas do PAC de Baltar
Por Redacción |
-
Alertan da falta de persoal nos PAC's e de camas para ingresar pacientes de Urxencias nos hospitais de Pontevedra
Por Redacción |
-
Dimisión na área sanitaria: o coordinador da xestión da Atención Primaria deixa o cargo por motivos persoais
Por Redacción |