As parroquias de San Salvador e Combarro presentan as súas festas
Por Oskar Viéitez
O mes de agosto segue a marcar os seus días en vermello no calendario do concello de Poio. San Salvador e Combarro celebrarán as súas festas estes días.
Concretamente na parroquia de San Salvador serán o 5, 6 e 7 en honra ao seu patrón.
O pregón correrá a cargo do concelleiro do PP Sergio Pereira Martínez ás 22.00 horas, inaugurando as festas que arrincarán coa música do grupo folclórico Vides Novas e, a continuación, verbena coa orquestra Magos.
O martes 6 de agosto empeza con dianas e alboradas por toda a parroquia. Ás 12.30 horas oficiarase a misa solemne cantada pola Coral de Poio, e a continuación sairá a procesión, que estará acompañada pola Banda de Música de Redondela. Despois haberá unha gran tirada de fogos artificiais desde o peirao de Besada e a partir das 21.00 horas, haberá verbena con orquestras Pasarela e La Ola ADN.
O mércores 7 de agosto, ás 12.30 horas, celebrarase unha misa en honra á Virxe do Carmen, cantada pola coral Virxen de Fátima de Campelo e con procesión, acompañada polo grupo de gaitas "Os Berberechiños". A partir das 18.00 horas haberá unha festa infantil no Adro Vello e, ás 21 horas, fin de festa coas orquestras Marbella e Ritmo Joven.
COMBARRO
Pola súa banda, Combarro celebrará do 9 ao 18 de agosto as festas de San Roque, que empezarán coa presentación das Raíñas das Festas, a lectura do pregón e a entrega das distincións Mexillón de Ouro. A medianoite haberá unha queimada popular na praza de San Roque.
A programación inclúe cinema na rúa, animación musical, actuacións infantís e concertos de música tradicional galega, destacando para o sábado 10 de agosto o III certame de "Pintura na rúa" (10.00 horas) na praza de San Roque, o espectáculo musical "A Tajea" na praza do Alcalde (21.00 horas) e a XXV Festa do Mexilón, o mércores 14 de agosto (13.00 horas).
O xoves 15 de agosto terá lugar a tradicional baixada da Virxe da Renda desde a súa capela. Ao día seguinte será a misa solemne na igrexa parroquial en honra a San Roque (12.30 horas), seguida da procesión. O sábado 17 de agosto levará a cabo a subida da Virxe da Renda e o domingo poñerase fin a dez días de festexos coa " Festa da Escuma".
Este ano o Ateneo Cultural Corredoira recupera unha antiga tradición da parroquia de xogar aos birlos á saída de misa.