Comezan os primeiros traballos na cabeceira norte da Ponte do Burgo
Por Redacción
A vindeira semana está previsto que se inicien os primeiros traballos na cabeceira norte da Ponte do Burgo. Nesta primeira fase, acometeranse labores de demolición do actual pavimento e de colocación da canalización. Estes traballos levaranse a cabo na área que permanece actualmente valada polo que non implica restricións de tráfico e non modificará a circulación na rúa Domingo Fontán.
Trátase do comezo das obras do entronque da Ponte do Burgo co paseo Domingo Fontán e rúa Xoán Manuel Pintos, que corresponde coa 'cabeceira norte'. Hai que lembrar que, segundo o proxecto da posta en valor da Ponte do Burgo, este espazo será obxecto dunha transformación absoluta, que dará como resultado a eliminación da rotonda de tráfico rodado (para continuar o carril nos dous sentidos de circulación por ese punto unindo Xoán Manuel Pintos con Domingo Fontán) e a creación dunha gran praza de máis de 4.000 metros cadrados con arborado e mobiliario urbano.
Tamén no inicio da vindeira semana se procederá a pór a lousa de pedra na plataforma da propia Ponte do Burgo, o que implicará a colocación de 1.550 metros de lousa de 10 centímetros de grosor. Esta actuación acométese toda vez que se rematou a pavimentación contínua na superficie do taboleiro, así como os traballos de impermeabilización e a retirada da antiga varanda.
Unha vez se remate a colocación da lousa de pedra, o seguinte paso será á instalación da nova varanda e da iluminación, que inclúe tanto iluminación na superficie (encaixada no pavimento que se está a instalar), como a iluminación en altura que tamén incluirá elementos integrados na nova varanda. Instalaranse, ademais, elementos para dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais que realcen a traza dos arcos da ponte, a súa estrutura e forma.
O proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) "Máis Modelo Urbano Pontevedra", e nestes momentos, o ritmo das obras vai acorde cos prazos previstos de cara á xustificación económica ante o Ministerio de Administracións Públicas, órgano xestor dos Fondos europeos no Estado español.
Relacionadas:
-
A nova varanda da ponte do Burgo colocarase a partir do 9 de outubro
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O goberno local mantén a súa postura: a ponte do Burgo permanecerá pechada ata outubro
Por Redacción |
-
Comerciantes da Rúa Real recollen sinaturas para reclamar a apertura peonil da ponte do Burgo
Por Redacción |
-
Zona Monumental, molesta co peche peonil da ponte do Burgo durante tres meses
Por Redacción |
-
O goberno local calcula que a ponte do Burgo permanecerá pechada ao paso ata outubro
Por Redacción |