Os viticultores piden contratos con prezos fixados e maior control dos rendementos
Por Oskar Viéitez
Coa perspectiva dunha colleita limitada e dunha demanda alta pola uva, Unións Agrarias demanda a implicación de Medio Rural para o establecemento de contratos escritos na compravenda de uva entre viticultor e adega, con prezos fixados e prazos de pago a 30 días, e maior control dos rendementos por parcela para evitar a entrada de uva foránea.
Unións Agrarias propón á Xunta que priorice as axudas ás adegas que aposten por contratos cos viticultores, como medida de presión antes da vendima.
No caso da Denominación de Orixe Rías Baixas, este sindicato avoga polo establecemento de rendementos diferenciais en función da subzona e do tipo de cultivo, pois alegan que "non ten sentido manter os mesmos rendementos en Cambados que na Roseira, cando son dúas zonas moi distintas".
Finalmente, Unións pide á administración autonómica que centre os apoios públicos nos pequenos viticultores "porque son os que manteñen a actividade no rural". Segundo as cifras achegadas por este sindicato, en Galicia hai 15.000 viticultores que teñen menos de 2 hectáreas e ao redor de 500 con máis de 2 hectáreas.
"Estamos en contra de que se apoien as plantacións das grandes adegas, sen garantía de compra da uva aos pequenos viticultores", afirma Unións Agrarias.