Abandono en Pontevedra: atopan un hamster dentro dunha caixa no paseo de A Xunqueira
Por Almu Dapena
Chega o verán, e con el, as altas temperaturas, as viaxes e o abandono de animais.
Un deses episodios ocorreu durante a tarde do pasado domingo. Un mozo pontevedrés que paseaba pola Xunqueira, topouse cunha caixa na que dentro había unha gaiola. Supoñendo que non habería nada no seu interior, observou que había un hamster.
Tras esperar durante tres horas a que aparecese alguén para recollelo, chamou á Policía pero ao ser domingo non podían facer nada polo animal. Finalmente, contactou coa asociación AECAM (Asociación Educativa y Cultural Animales del Mundo) que foi a encargada de buscar a alguén que o adoptase.
Como medida de urxencia contactaron con Uxía, que quedará co roedor mentres non atopen a outra familia que poida acollelo.
Tanto Uxía como a asociación denuncian as malas condicións nas que se atopaba, xa que "las temperaturas de ese día eran muy elevadas, la jaula es demasiado pequeña para su tamaño y el suelo poco adecuado y le daña las patas", comentou Uxía. Ademais, cren que o animal estaba a sufrir xa que se atopa tenso e agresivo.