O PP acusa a Lores de tratar con "indiferencia" á comunidade educativa do Álvarez Limeses
Por Redacción
Os concelleiros do Partido Popular Jacobo Moreira e María José Rodríguez Teso trasladaron este mércores a representantes da ANPA do colexio público Álvarez Limeses a resposta que deu o alcalde, Miguel Fernández Lores, á solicitude desta asociación de obter a cesión dun edificio municipal situado no recinto escolar "e que está en estado de abandono", co obxectivo de rehabilitalo e dedicalo a actividades pedagóxicas da comunidade educativa do centro.
Moreira trasladoulles que levou o asunto ante o pleno municipal a través dunha pregunta oral dirixida a Lores que, aínda que asegurou coñecer e estar no tema, tamén puntualizou que "se están comprobando certas cuestións de tipo administrativo por parte de Patrimonio", para acto seguido matizar, explican os populares, que "cando teñamos perfectamente definida a situación, informaremos puntualmente por escrito".
Esta "vaga resposta" foi considerada polo voceiro do PP como "unha clara mostra da indiferenza coa que o rexedor recolleu a demanda escolar" a pesar de que o propio Jacobo Moreira sostén que a ANPA "vén desenvolvendo unha encomiable labor en prol do centro". Lembrou que "hai uns anos conseguiu restaurar unha das antigas casas de mestres que se emprega hoxe para prestar os servizos de comedor, Plan Madruga e diferentes actividades extraescolares, recuperándose deste xeito un edificio público en ruína".
Concelleiros e representantes da asociación, encabezados polo seu presidente Juan Nartallo, visitaron a zona escolar. Alí, noutro extremo do recinto, está situado un inmoble xemelgo ao recuperado por pais e nais, "hoxe tamén en estado de abandono", recorda Moreira. A idea neste caso era habilitar os dous primeiros andares para salas de uso múltiple e a segunda planta dedicala a oficinas. O colexio podería utilizar o edificio polas mañás para necesidades lectivas e deixalo para actividades extraescolares nos horarios libres.
"Por desgraza, a pretensión da comunidade escolar caeu polo de agora en saco roto", denuncian os populares. Neste sentido, Moreira denuncia que a propia asociación dispón desde hai máis dun ano de toda a información sobre o caso do Departamento de Patrimonio do Concello, "o que cuestiona claramente a xustificación de Lores sobre supostas comprobacións pendentes e resta aínda máis peso á súa pretendida implicación no tema".