Buscan un ladrón que deu un tirón a unha muller de 86 anos, derrubouna e fuxiu deixándoa ferida no chan
Por Natalia Puga
A Policía mantén aberta unha investigación para localizar un home que este domingo asaltou a unha muller de 86 anos na contorna da rúa A Barca e a praza Concepción Arenal para roubarlle o bolso polo método do tirón e, froito do golpe, derrubouna, de modo que foi a caer ao chan.
Tras o roubo, o ladrón fuxiu, deixando á muller ferida no chan, así que as policías Local e Nacional realizaron unha batida polas inmediacións para tentar localizalo. A pesar de que percorreron a zona buscándo, non conseguiron dar co seu paradoiro, de modo que a investigación segue aberta.
Os feitos ocorreron este domingo. Segundo fontes da Policía Nacional, a vítima, unha muller de 86 anos, abría o portal na rúa A Barca cando un individuo se achegou por detrás e tiroulle do bolso.
Froito do impacto, a muller caeu de costas e deu un golpe forte, polo que quedou tirada no chan ata a chegada dunha ambulancia. Os servizos sanitarios prestáronlle unha primeira atención no lugar dos feitos e a continuación foi trasladada en ambulancia ao Hospital Montecelo.
Os feitos foron presenciados por varias testemuñas que relataron o sucedido á Policía. Segundo a información facilitada, a vítima levaba no bolso unha carteira con entre 10 e 50 euros no interior.