O servizo de Gardacostas cédelle á Cruz Vermella a embarcación "Peña Trevinca"
Por Oskar Viéitez
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinou este luns en Sanxenxo a cesión da embarcación "Peña Trevinca" do Servizo de Gardacostas de Galicia á Cruz Vermella. Con esta entrega, destacou a titular de Mar, a Xunta de Galicia intensifica a colaboración que vén mantendo coa Cruz Vermella en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación.
A Consellería do Mar realiza esta doazón logo de substituír á embarcación "Peña Trevinca", que ata agora tiña a súa base en Portonovo, pola patrulleira "Xistral".
O Servizo de Gardacostas tamén cede á Cruz Vermella dous motores para labores de apoio nas tarefas de salvamento marítimo.
Estas cesións súmanse ao convenio de colaboración anual en materia de inspección pesqueira, salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña ao que no máis recente a Xunta destinou arredor duns 30.000 euros.