A análise da praia de Nanín certifica a boa calidade da súas augas
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo marcouse como obxectivo para este mandato, conseguir dúas novas bandeiras azuis para as praias de Agra e Nanín.
As análises previas á inclusión de Nanín no programa de seguimento analítico foron moi bos. A calidade das augas desta praia mellorou grazas á substitución e ampliación do colector de saneamento no último ano, o que requiriu un investimento de 25.000 euros entre o Concello e os veciños.
No Concello de Sanxenxo son conscientes de que este "só é o primeiro paso para que neste areal poida ondear a bandeira azul". Agora falta que nos próximos anos as analíticas sigan sendo boas e dotar á praia dos equipamentos que esixe este distintivo.
Para poder aspirar a obter unha bandeira azul, unha praia ten que estar incluída no programa de vixilancia sanitaria da Conselleria de Sanidade e conseguir durante varios anos unhas analíticas que certifiquen a calidade das súas augas. Ao longo de 6 meses, entre marzo e outubro, a Conselleria fai análises quincenais en 18 praias de Sanxenxo, resultados que se publican nos paneis informativos que ten cada areal.
Á vez a concellería de medio ambiente está a traballar para que o ano que vén a praia de Agra poida aspirar a ter a súa bandeira azul. Segundo as analíticas dos últimos anos a calidade das súas augas foi sempre excelente. O goberno traballa para resolver o principal escollo deste areal, a falta de espazo para situar os servizos que require a praia. Por iso estamos a traballar para facernos cuns terreos adxacentes nos que situar a torreta de vixilancia, o módulo de servizos e dotar dun mínimo espazo para o aparcamento.
Sanxenxo ten 14 bandeiras azuis e outros 8 distintivos de ADEAC entre carreiros azuis e portos deportivos. Estamos contentos diso, pero non nos conformamos e imos seguir traballando para na medida do posible aumentar os recoñecementos.
ESCALEIRAS PRAGUEIRA
Esta semana instalouse unha varanda que dea maior seguridade ás escaleiras de acceso da praia de Pragueira, do mesmo xeito que xa se fixo a semana pasada nas praias de Areas e de Montalvo.