Balbordo en Eduardo Pondal polo enfrontamento entre un home e unha muller por un teléfono e unha praza de garaxe
Por Natalia Puga
As policías Local e Nacional tiveron que acudir a última hora da mañá deste martes á rúa Eduardo Pondal de Pontevedra polo balbordo creado ao redor dun home e unha muller á altura do parque infantil. Finalmente, ningunha persoa foi detida e a discusión terminou coa chegada das patrullas policiais.
Fuentes policiais explicaron que o home e a muller implicados non teñen ningún tipo de relación persoal e o único vínculo entre eles estaría relacionado cunha praza de garaxe que ela lle ten alugada a el. Este martes discutiron polo aluguer da mesma, aínda que non transcenderon todos os detalles das desavinzas..
Nun momento da discusión, a muller quitoulle o móbil ao home, segundo a denuncia que realizou el máis tarde á Policía Nacional.
De momento, non transcenderon máis detalles da pelexa, pero todo apunta a que a muller lle estaba recriminando ao home que non lle pagaba o aluguer da praza.
A confusión do momento fixo que as testemuñas cresen que fora o home o que roubara o móbil á muller, de modo que algúns mesmo chegaron a reterlle.
Á chegada dos policías, todo se solucionou. Os axentes procederon a identificar ás dúas persoas implicadas para a posterior elaboración do atestado policial, no que se aclarará o ocorrido.