A segunda fase do 'Verán Cultural' de Carballedo contará con 14 actividades en 11 días
Por Almu Dapena
O Concello de Cerdedo-Cotobade celebrará, durante o mes de agosto, a segunda fase do 'Verán Cultural 2019' para a que contarán con 14 actividades que se desenvolverán en once xornadas desde o venres 9 de agosto ata o luns 19.
Esta segunda xornada comezará coa feira mensual. O sábado 10 continuará coa celebración da III edición da Baixada de Carrilanas de San Xusto ás 16.00 horas, para o cal estará aberta a inscrición ata o día antes, e o Torneo de Fútbol de Veteranos a partir das 19:00 no campo das Extremas. A primeira fin de semana concluirá cunha actividade de rastrexo con compás e GPS ás 11:00 horas na Praza do Concello.
A semana central comezará ás 21.30 horas coa proxección da película 'Hotel Transilvania 3' na Praza da Biblioteca e, ao día seguinte, terá lugar a primeira sesión de teatro coa representación de 'O pozo das señoras' as 20:00 na Praza do Concello que correrá a cargo da compañía Rinlo e Penadique.
Tras dous días de cinema e teatro, o mércores 14 haberá a tradicional churrascada que organiza a Asociación Cultural de San Miguel de Carballedo seguida do concerto de La Franga, que comezará ao redor das 21:30 horas na Praza da Chan coincidindo coa competición do fútbol veterano.
O xoves 15 ás 21.00 horas celebrarase unha andaina nocturna con saída desde a Praza do Concello e con visita ao Observatorio do Coirego. Ao día seguinte, con motivo do día de San Roque, celebrarase a tradicional ofrenda floral a Ricardo Portela diante do seu busto e o posterior festival folclórico coa actuación dos grupos locais Os Trazantes de Tenorio, Os Abrentes de Cerdedo, Foula e Os Afoutes do Canón de Pau.
A fin de semana celebrarase o Día do Neno, que comezará ás 16.00 horas na Praza a Chan e que contará con inchables, varredora humana, a Illa do Tesouro, pista de obstáculos e máis actividades dirixidas aos máis pequenos.
Finalmente, e para pechar o 'Verán Cultural 2019', o domingo 18 realizarase na Praza da Biblioteca o espectáculo de maxia infantil 'Adivina Que!', da man de Adrián Conde ás 21.00 horas, a final do Torneo de Fútbol de Veteranos ás 19.30 nas Extremas e, o luns 19, a representación teatral 'Go On!' da compañía Malasombra ás 21.00 na Praza da Biblioteca.