O BNG de Moraña lamenta que a alcaldesa non dese "explicacións claras" sobre a súa imputación na Operación Patos
Por Redacción
O grupo municipal do BNG no Concello de Moraña lamentou que o Partido Popular "desaproveitara a oportunidade de dar explicacións claras e convincentes e ofrecese información completa" respecto da súa imputación nunha peza separada da Operación Patos.
O xulgado de instrución número 1 de Pontevedra ten unha causa aberta contra a corrupción na adxudicación de contratos por parte da administración na que a alcaldesa de Moraña pasou de ser testemuña a investigada.
Despois do pleno extraordinario celebrado este luns "saímos coas mesmas dúbidas coas que entramos, pois as evasivas, o non sei e non me consta, as incoherencias ou directamente o silencio foron a resposta ás nove preguntas que formulamos nesta sesión", dixo o portavoz nacionalista Marcos Suárez.
A alcaldesa Luisa Piñeiro, insistiu en que se acolleu ao seu dereito a non declarar por carecer do expediente e anunciou que o seu avogado solicitou o arquivo da causa na parte que lle afecta.
Luisa Piñeiro tamén sinalou en que nin a súa situación procesual nin o procedemento están a afectar en nada ao Concello de Moraña, xa que esta peza separada céntrase nas obras subvencionadas pola Deputación no campo do fútbol do Buelo cando a administación provincial estaba presidida por Rafael Louzán.
O BNG aclarou que non quere facer ningún xuízo paralelo, que mantén a presunción de inocencia e que respecta os tempos da xustiza, por iso en ningún momento solicitaron os nacionalistas o cesamento ou a dimisión da alcaldesa, "senón que demandamos información, transparencia e rigor".
Relacionadas:
-
A alcaldesa de Moraña comparece como investigada nunha peza da operación Patos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada