A Deputación leva a súa campaña para previr agresións sexuais ao Festival Revenidas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra volverá levar esta vindeira fin de semana a súa campaña de igualdade para previr violacións en cita e agresións sexuais por submisión química ao Festival Revenidas de Vilaxoán, en Vilagarcía, un dos sete eventos do verán que conforman os Festivais Rías Baixas e que se desenvolverá do 9 ao 11 de agosto.
Co obxectivo de amosar as novidades desta nova edición e o plan de traballo, así como para presentar o balance da pasada edición da campaña neste festival, as técnicas de Igualdade da Deputación mantiveron este martes un encontro coa concelleira de Igualdade, Tania García Sanmartín, e a técnica do CIM, Loli Maquieira, no Concello de Vilagarcía.
A institución provincial instalará un punto de información o sábado 10 de agosto, desde as 12 ás 18 horas (coincidindo coa sardiñada popular), con cinco axentes de igualdade que entregarán os folletos da campaña.
PLÁSTICOS
Por outra banda, a Deputación tamén levará ao Festival Revenidas a súa campaña "Experiencias Sostibles", que está a concienciar na loita contra os plásticos e os seus efectos no medio ambiente e na saúde das persoas, e que sucede á desenvolvida o pasado ano, "Somos historias. Somos sostibles". O punto de información estará instalado o sábado, día 10, desde as 13 ás 18 horas.