Drons e cámaras para loitar contra os incendios forestais
Por Redacción
Malia que estamos a vivir un verán sen temperaturas extremas, o que a priori evitaría a formación de grandes lumes, a Xunta continúa traballando dende a prevención e, no caso necesario, a rápida extinción dos incendios forestais.
Todas estas accións demandan un traballo continuado durante todo o ano, que se intensifica no período de alto risco de incendios forestais, que previsiblemente rematará o vindeiro 30 de setembro, dependendo das condicións meteorolóxicas.
Nesta campaña mantéñense accións que demostraron a súa eficacia o ano pasado e, a maiores, inclúense melloras, principalmente de carácter técnico.
USO DE DRONS
Entre as novidades desta campaña atópase o emprego de drons. Estes aparellos aéreos non tripulados contrólanse de forma remota e levan una cámara que permitirá tomar fotografías, vídeos e imaxes termográficas que van proporcionar en tempo real información crucial para tomar decisións á hora de sufocar un lume.
Os drons van ser un grande apoio nas tarefas de extinción nos montes galegos pero tamén na vixilancia preventiva e detección, así como para a localización de incendiarios.
VIXILANCIA FIXA
A Rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia, posta en marcha durante o ano 2018, estára formada por 118 cámaras.
Este ano incorporáronse 30 novas cámaras de última xeración que permitirán reforzar a vixilancia do monte galego, así como a detección temperá de incendios. En caso de descubrirse lumes, permiten a visualización en directo e o seguimento da súa evolución, sendo un mecanismo de apoio á toma de decisións durante a extinción dos lumes.
As cámaras están situadas en puntos que permiten unha cobertura visual das zonas nas que se rexistra unha maior actividade incendiaria. A rede permite abarcar 1,8 millóns de hectáreas, polo que máis da metade da superficie forestal de Galicia estará vixiada por cámaras de detección rápida de lumes.
XESTIÓN DA BIOMASA
O uso da tecnoloxía dron tamén reforzará os medios terrestres da Xunta para avaliar o cumprimento das obrigas de xestión da biomasa, con especial atención ás chamadas franxas secundarias, que son as próximas ás vivendas, permitindo examinalas dun xeito máis rápido e eficaz.
Este labor de vixilancia permitirá evitar a proliferación de árbores pirófitas, aquelas de fácil combustión, como o caso do eucalipto, piñeiro e acacia e controlar a limpeza de aquelas zonas onde haxa risco con respecto a estas especies: a menos de 50 metros das vivendas; 10 metros no caso de autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas, estradas convencionais e vías de ferrocarril; e 4 metros nas pistas forestais principais, que se ampliarán a 6 metros nas dos concellos declarados Zonas de Alto Risco.
CONVENIO COS CONCELLOS
Para a prevención dos lumes forestais é fundamental a colaboración dos concellos. Por iso a Consellería de Medio Rural subscribiu un convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e con Seaga para fomentar a adecuada xestión da biomasa nas proximidades das vivendas.
A sinatura deste convenio tamén está a posibilitar que todos os concellos adscritos teñan cadanseu plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. O obxectivo é que a finais de 2019 estean rematados arredor de 200 plans. A Xunta asumiu o compromiso de redactar estes plans, dadas as dificultades técnicas e temporais, especialmente para pequenos concellos, que esta obriga supón.
OPERATIVO DE VERÁN
O dispositivo de profesionais encargados da loita contra o lume mantense en números similares a anos anteriores, coa diferenza de que este ano a contratación vai alongarse un mes máis e, polo tanto, chegará aos cinco meses.
Nesta campaña, os montes galegos contarán con máis de 7.000 persoas implicadas no operativo, entre as que se contan as da propia Xunta, da Administración do Estado e dos concellos. Contarán para o seu labor co apoio dunha trintena de medios aéreos e 360 motobombas.
TELÉFONO DE DENUNCIA
Unha das novidades desta campaña é a posta en marcha dun teléfono gratuíto e anónimo de denuncia: 900 815 085. A Xunta pide a colaboración cidadá para loitar contra os incendiarios a través da chamada a este servizo ou directamente comunicando este tipo de accións ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
A Xunta lembra que, no caso de detectar un incendio forestal, os cidadáns seguen a ter dispoñible o teléfono gratuíto 085.