Sanxenxo endurecerá as sancións na futura ordenanza de convivencia
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Sanxenxo xa dispón dun borrador de ordenanza de convivencia, pero, co obxectivo de melloralo e amplialo, levará a cabo esta consulta pública.
Tal e como indica a lei, o goberno solicitará a opinión das persoas e colectivos que desexen expresarse sobre o tema e ademais convocará unha xunta de portavoces para o seu consenso, previa a levala á Comisión de Asuntos Xerais e á súa posterior aprobación en Pleno.
A nova normativa endurece comportamentos incívicos que ata agora tiñan unha sanción "demasiado baixa", segundo o goberno local.
Neste borrador previo co que se traballa, enuméranse algunhas das principais infraccións. Así, cualifícanse como infraccións "moi graves", sancionadas con multa de 401 a 600 euros, unha perturbación relevante da convivencia que afecte de maneira grave inmediata e directa á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas; e tamén o impedimento ao normal funcionamento dun servizo público.
O Concello de Sanxenxo someterá a consulta pública a futura ordenanza de convivencia
Considérase tamén infracción "moi grave" o romper, incendiar, arrincar ou deteriorar equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos dun servizo público, así como o mobiliario urbano. Ou pintar ou causar danos na sinalización pública que impidan ou dificulten a súa visión ou comprensión. Tamén romper, arrincar, tallar ou inutilizar as árbores situadas na vía pública e nos parques e xardíns.
Do mesmo xeito, o provocar deliberadamente o apagado de calquera sistema de iluminación pública; o incendiar contedores de lixo, entullos ou desperdicios e finalmente o realizar pintadas, grafismos ou murais, en calquera bens públicos ou espazos públicos sen autorización municipal
Segundo esta proposta entre outras infraccións "graves" inclúese o dificultar deliberadamente o normal tránsito peonil ou de vehículos polos lugares habilitados para o efecto e o consumo de bebidas alcohólicas nas vías ou espazos públicos, a condición de que conleve algún tipo de alteración da orde pública e tamén o realizar necesidades fisiolóxicas, como cuspir, ouriñar, defecar en espazos e vías públicas. Estas infraccións "graves" están sancionadas de 201 a 400 euros.
Entre as consideradas "leves" figura o portar mechas acesos, aparellos pirotécnicos ou disparar petardos, foguetes ou similares sen autorización; o colocar calquera elemento nos espazos públicos sen autorización; lavar ou reparar coches nos espazos públicos; bañarse en fontes ou estanques públicos ou a subministración de alcol na vía pública.
Todas estas e outras tantas infraccións, a súa cualificación e a súa sanción poderán ser modificadas, despois desta consulta pública que se realizará proximamente en base ás achegas que fagan veciños e colectivos, así como os demais grupos da corporación.