Descualifican e ameazan a Carmela Silva tras pedir a abolición da prostitución
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva está a ser obxecto de descualificacións e ameazas tras posicionarse publicamente en contra da trata de mulleres e da prostitución.
"Parece un thriller pero fue fijar mi posición pública en contra de la trata y la prostitución y empezar a recibir descalificaciones y amenazas en redes y por otras vías más subliminales. Intento de amedrentar?", denunciou nun tweet Carmela Silva.
Segundo desvelou a mandataria socialista en Twitter estes ataques prodúcense despois das súas declaracións nas que aplaudía á alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, pola súa decisión de impedir legalmente a celebración dunha polémica festa organizada polo club de alterne 'Mont Parnasse', que tiña como reclamo a repartición entre a súa clientela de churrasco gratis servido por camareiras en 'topless'.
A presidenta provincial aseguraba entón que "os clubs de alterne teñen que desaparecer" e identificaba á prostitución coa "escravitude". "Que ninguén o tente ocultar. É un uso cosificado dos corpos das mulleres que se venden no mercado e que compran os homes", asegurou.
Neste sentido, non dubidou en sinalar que "a prostitución é unha das secuelas máis graves" que sofren as mulleres. "É terrible cando un vai polas estradas nacionais e ve un club de alterne tras outro, cada vez que vexo iso vexo campos de concentración de mulleres", comentou Carmela Silva.
Nas súas declaracións a presidenta de Deputación de Pontevedra apuntaba que "se non houbese clientes non habería clubs de alterne" e compartía a súa preocupación polo feito de que "a xente nova está a educarse a través da pornografía libre, á que poden acceder nos móbiles, é tremendo".
Carmela Silva declárase "claramente abolicionista" e asegura que "a prostitución é un enorme negocio que perpetúa as violencias machistas sobre as mulleres".
Relacionadas:
-
Carmela Silva, firme contra a violencia de xénero: "no mundo hai un holocausto de asasinatos de mulleres"
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra acolle un debate público sobre a prostitución polo Día contra a Trata de Persoas
Por Oskar Viéitez |
-
Suspendida a festa do club de alterne "Mont Parnasse" con churrasco e camareiras en top less
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno provincial pide a abolición da prostitución
Por Oskar Viéitez |