Conta atrás para a XX Festa do Polbo de Bueu: servirá 30 especialidades a partir do venres
Por Redacción
Este venres empezarán a venderse nos postos de O Rincón de Cela, Rosa de Los Vientos e Casa Acuña as primeiras especialidades da Festa do Polbo de Bueu, unha festa que este ano chega á súa XX edición organizada polo Concello e a Confraría de Pescadores San Martiño.
A festa celebrarase no Campo da Estacada e ofrecerá a posibilidade de degustar arredor dunha trintena de especialidades e formas de cociñar o 'Polbo das Rías'. Trátase, segundo Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, dunha "edición moi especial" despois de dúas décadas promovendo o Polbo das Rías e poñendo en valor o produto e historia mariñeira.
A festa arrancará estes venres 9 de agosto ás 19.30 horas, momento dende o que xa se poderá gozar das especialidades e do polbo á feira, que tamén serán ofertados o sábado e domingo de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00. As variedades terán un custo de 6 euros e de 10 euros, segundo a ración, e serán ofrecidas por tres establecementos: O Rincón de Cela, Frigoríficos Rosa de los Vientos e Casa Acuña.
Rosa de los Vientos disporá, por un custo de 6 euros de empanada de polbo de trigo e de millo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo e fabas con polbo; e por 10 euros, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaén, polbo á feira, e polbo á galega (en caldeirada).
O Rincón de Cela presentará empanada de polbo de millo e trigo, croquetas de polbo, e paté de polbo, todas por 6 euros; mentres que por 10 euros, os e as comensais poderán probar polbo ao allo con berberechos, polbo á feira, polbo á prancha, polbo en caldeirada, hamburguesa de polbo e pizza de polbo.
Casa Acuña disporá, por un prezo de 6 euros, de empanada de polbo de millo e trigo, croquetas de polbo e queixo de tetilla, tosta de polbo, arroz de polbo e taco de millo con polbo; e por 10 euros, polbo á feira, polbo e Arzúa, polbo en caldeirada, polbo grellado con puré de pataca e polbo ao Albariño e mollo verde.
O sábado
O día grande será o sábado e xa ás 10.00 horas dará comezo unha visita guiada pola Praza de Abastos e o porto para coñecer os peixes e artes de pesca, da man de Pescado Artesanal (previa inscrición no correo comunicacion@concellodebueu.gal ou no teléfono 986 39 00 29- ext. 2).
A inauguración oficial será ás 12.00 horas, coa lectura do pregón a cargo de Marta Currás, escritora residente en Vigo pero con raíces na vila bueuesa. A continuación, ás 12.30 horas, terá lugar unha sesión vermú amenizada polo grupo Fanfarria Taquikardia, coa que se ofrecerá un pack de tapa e vermú galego por 6 euros, e xusto despois haberá unha exhibición de barbería tradicional a cargo de Eloy Entenza, de Marino’s Barber Shop.
Xa pola noite, ás 22.30 horas, a actriz e humorista galega Isabel Risco presentará o seu espectáculo 'Nabiza Girl!', no que se interpreta a unha súper heroína rural galega con denominación de orixe protexida.
O domingo, ás 12.00 horas, o grupo Retrouso amenizará a sesión vermú, e pola noite, ás 19.30 horas, o programa cultural rematará co concerto infantil de 'O Capitán Garfo'.