A Deputación acomete obras urxentes na estrada entre Portonovo e a Vichona
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, cumprindo o seu compromiso cos colectivos veciñais da zona, vén de acometer unhas obras urxentes e inmediatas na estrada provincial 9206, que vai da Vichona a Portonovo, para garantir de forma efectiva a seguranza viaria dos peóns. Trátase dunha actuación provisional da institución provincial, á espera de manter unha reunión co concello de Sanxenxo ao que este mesmo xoves remitiuse unha carta para pechar un encontro e chegar a un acordo para poñer en marcha un proxecto definitivo.
Máis polo miúdo, trátase dun viario que transcorre por un tramo urbano, chegando ata a praia de Baltar, e cun grande tránsito de peóns e vehículos.
Neste eido, a problemática para os veciños afectados consistía en que os vehículos poñían en perigo a seguridade dos peóns ao non respectar a sinalización horizontal, xa que se trataba dunha zona pintada con liña continua.
De feito, fai só unha semana, o deputado provincial de infraestruturas e vías provinciais, Gregorio Agís, reuniuse coa Asociación de Veciños San Miguel de Adina, a ANPA do Colexio Abrente e a Plataforma Veciñal O Pombal con quen comprometeuse a realizar unha urxente actuación no viario, agora rematada, para garantir provisionalmente a seguridade peonil á espera de acometer un proxecto definitivo en colaboración co Concello de Sanxenxo.
Para dar unha solución rápida ás demandas veciñais, a Deputación de Pontevedra executou unhas obras provisionais de pavimentación dunha das beiravías en aglomerado en quente e posterior instalación de balizado para impedir o paso dos vehículos. Con esta actuación gañouse un espazo de ao redor de dous metros para os peóns e garantiuse a súa seguridade.