O turismo galego "medra en cantidade, pero sobre todo en calidade"
Por Redacción
Galicia liderou durante o primeiro semestre do ano o crecemento turístico en España, un período no que superou por vez primeira a barreira dos dous millóns de viaxeiros. Así se recolle no balance correspondente aos seis primeiros meses, que foi presentado este xoves polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, no Náutico de Sanxenxo.
O titular de Cultura e Turismo salientou que os datos constatan que o turismo galego "medra en cantidade, pero sobre todo en calidade".
Na primeira metade do ano as pernoitas medraron un 7,7% fronte ao 1,2% da media nacional.
Román Rodríguez destacou especialmente o incremento de case o 15% dos viaxeiros estranxeiros, que supoñen o 27%, con forte presenza de países europeos e Estados Unidos.
Os hoteis continúan a ser a tipoloxía de aloxamento preferida polos turistas en Galicia, pois concentran o 73,5% da demanda.
Segundo os datos ofrecidos este xoves a rendibilidade hoteleira mellorou a un ritmo moi superior á media española, crecendo por enriba do 9% fronte ao 3,6% rexistrado a nivel nacional, "o que reflexa que contamos cun sector turístico cada vez máis competitivo e profesionalizado". Este feito tivo unha "importante repercusión" no emprego vencellado ao turismo.
Por provincias, en termos absolutos, A Coruña foi a que máis demanda recibiu, un 43%, seguida de Pontevedra cun 34%, mentres que Lugo e Ourense sumaron un 15 e un 8%, respectivamente.
No referente aos sete principais destinos urbanos, Santiago sitúase como a cidade que máis viaxeiros recibe, superando os 300.000, seguida da Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol.
Relacionadas:
-
A Xunta destina 661.300 euros para a modernización dos establecementos turísticos da provincia
Por Redacción |
-
A Xunta exixe á presidenta da Deputación "que cese na súa estratexia de caos"
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva asegura que "o señor conselleiro mentiu" cos datos de turismo da cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo atópase en cifras de récord de ocupación hostaleira
Por Redacción |
-
A Deputación desconfía das cifras de turismo da Xunta: "eses datos nin me cadran nin os miro na rúa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada