Os clubes comezan a utilizar o novo campo de fútbol de Santa María de Xeve
Por Redacción
O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, desprazouse este xoves ata o novo campo de fútbol de Gatomorto, na parroquia de Santa María de Xeve, para supervisar de primeira man o estado das instalacións recentemente rematadas e recibir as chaves do terreo de xogo por parte da empresa adxudicataria Covsa.
Deste xeito, tal e como sinalou o edil do PSOE, " o campo queda oficialmente aberto para dar servizo aos clubes deportivos dos tres Xeves", en referencia a Santa María, Santo André e Verducido.
O departamento que dirixe Tino Fernández investiu un total dun millón de euros no novo campo de herba sintética de Xeve: 859.953,23 euros destináronse á execución das obras e outros 110.000 a diversa equipación deportiva (marcador e porterías), o peche perimetral do terreo e o acordo de mantemento do céspede por un período de cinco anos (unha mellora ofertada pola firma Covsa).
O terreo de xogo ten unhas dimensións de 105 metros cadrados, permitindo albergar un campo de fútbol 11 e dous de fútbol 7, e cumprindo con tódolos requisitos técnicos esixidos pola FIFA para ter a categoría de instalación para competicións oficiais.
Conta con catro vestiarios para xogadores e dous para árbitros, entradas separadas ao campo para espectadores e xogadores, área de enfermería e botiquín e un almacén. A actuación, que aproveitou o desmonte natural xa existente na parcela do campo de fútbol e mantivo a estrutura dos anteriores vestiarios de pedra, completouse coa dotación dunha nova instalación eléctrica e de iluminación, así como de catro cámaras de seguridade para a súa vixiancia.
Aínda que o Concello de Pontevedra ten previsto organizar un acto de inauguración nas vindeiras semanas, Tino Fernández subliñou que a apertura do campo era "fundamental para que os clubes puidesen comezar a empregalo". Segundo explicou, a Concellería de Deportes "xa rematou tamén as obras do terreo de herba sintética de Cerponzóns", que está en uso "e ten practicamente finiquitado o de Campaño, coa idea de que estea listo neste mesmo mes".
"Os equipos precisan saber os horarios de uso para pasarllos á Federación", apuntou.
Asemade, o edil socialista avanzou a súa intención de axilizar ao máximo a contratación do proxecto para dotar dun novo campo de fútbol á parroquia de Salcedo.
Relacionadas:
-
O campo de fútbol de Campañó, finalista nos Premios FAD de Arquitectura e Interiorismo
Por Alejandro Espiño |
-
O Pontevedra B e os xuvenís da escadra granate adestrarán no novo campo de fútbol de Gatomorto
Por Oskar Viéitez |
-
Costas ve como una "posibilidad viable" construír a cidade deportiva do Pontevedra na Xunqueira de Alba
Por Diego Espiño |
-
O Concello recibe esta semana o campo de herba sintética de Santa María de Xeve que xa está rematado
Por Redacción |