Mira, un touro entre o peixe!
Por Marisa Ciordia
A Praza de Abastos de Pontevedra é un dos lugares de parada turística no Centro Histórico. Tamén nestas datas da Semana Grande pontevedresa, o usuario local acode para agasallar as súas mesas cos produtos autóctonos. Así que neste contexto de maior afluencia de público hai unha bancada que reivindica a festividade da patroa da provincia, a Virxe Peregrina e igualmente a súa feira taurina.
Manoli é a placera dun posto de peixes que estes días está a ser continuamente fotografada. Turistas sorprendidos ao velo sorrín, comentan e non dubidan en sacar os seus móbiles para levar esa taurina estampa. Os clientes locais, sabedores xa do costume desta muller, felicítanlle tamén sucumben á instantánea.
Entre salmonetes, rodaballos, pescadas, cariocas, luras e cunchas de vieira eríxese a Peregrina, un toureiro recibindo a capote aberto ou un torito negro acibeche. "Todos os anos poño a decoración en datas sinaladas como son o Nadal, a Semana Santa, o día da Virxe do Carmen e as Festas da Peregrina, sempre", conta Manoli.
"Aos turistas chámalles moito a atención" engade esta pescantina que deixa claro ademais que é unha "seareira dos touros e da Peregrina ante todo". E cales son os comentarios que lle trasladan? preguntámoslle: "que resulta moi artístico. Hai moita xente que me vén a felicitar e outros me din que se lles vendo as cunchas... eu síntome contenta de ver que a xente tamén o estea porque ademais é unha forma de potenciar os atractivos do mercado".
Manoli parece que creou 'escola' na Praza porque botando unha ollada ao recinto pódense observar outros postos que tamén exhiben algún que outro motivo alusivo a estes días festivos; con todo é ela a que estes días 'corta as orellas'. Olé e boas festas!