Un incendio queima un camión ao carón dunha nave de Vilagarcía
Por Redacción
Os servizos de extinción sufocaron durante a noite deste venres un incendio que afectou a unha nave situada no interior dun recinto na avenida de Rubiáns de Vilagarcía e acabou queimando un camión que estaba estacionado ao carón.
Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, pasadas as 23:30 horas, varias persoas particulares puxéronse en contacto co 112 para dar conta dun incendio.
As testemuñas Indicaron que ardía unha nave e ata o lugar desprazáronse, tras ser alertados polo 112 Galicia, os Bombeiros do Morrazo e do Salnés. Así mesmo, os xestores de emerxencias deron conta do sucedido aos axentes da Policía Nacional, Local e aos membros do servizo municipal de emerxencias da localidade.
Unha vez extinguido o incendio, os membros do servizo de extinción indicaron que unicamente ardeu un camión que estaba estacionado ao carón de dita nave, a cal resultou tamén afectada polo seu lateral.