Areeiro marca a primeira semana de setembro como posible data de inicio da vendima
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar un novo aviso fitosanitario no que informa dun avance significativo na evolución da fenoloxía das viñas: en todas domina o inicio do pintado e, nas zonas máis cálidas e expostas, hai xa pleno pintado.
Do mesmo xeito, a EFA tamén sinala que xa comeza a haber algunhas datas previstas para o inicio da vendima: a primeira semana de setembro as máis precoces e na terceira semana do mes as máis tardías.
De todos os xeitos, o persoal do centro avisa de que a meteoroloxía irregular desta temporada fai que as predicións sexan difíciles e que poidan variar atendendo á súa evolución.
En canto ás principais enfermidades da viña, cómpre lembrar que co inicio do pintado as incidencias directas por mildio serán baixas ou mesmo nulas, se ben nas viñas novas e con pouco desenvolvemento da vexetación hai que manter a alerta e comprobar a evolución dos síntomas.