Sanxenxo atópase en cifras de récord de ocupación hostaleira
Por Redacción
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou as cifras de ocupación hostaleira do mes de xuño, completando os datos do segundo trimestre do ano. Nelas reflicte que Sanxenxo sumou 189.905 pernoitas hostaleiras entre abril, maio e xuño. Estes datos superan en 21.648 pernoitas os do mesmo período do ano pasado (168.257) e en 5.091 pernoitas os de 2017 (184.814) o mellor ano de ocupación hostaleira.
Desde o Concello de Sanxenxo apuntan que "hai que esperar a ver o que vai pasar de aquí a final de ano", pero tamén sinalan que "de seguir esta tendencia poderiamos atoparnos cun novo récord de ocupación".
En todo caso, os datos do segundo trimestre máis os que recentemente facilitou o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo sobre o mes xullo (superiores aos de 2018) apuntan a que 2019 vai ser un bo ano con independencia de que se melloren ou non as cifras.
Desde o sector indican que o máis relevante do segundo trimestre de 2019, é o bo comportamento dos meses de abril e maio, superando amplamente as cifras dos 2 anos anteriores. "O que vén ratificar que Sanxenxo está a evolucionar de ser un destino de verán a selo calquera mes do ano", insisten desde o goberno local do mesmo xeito que fixo esta semana o alcalde Telmo Martín.
"A evolución é palpable como demostra as máis de 300.000 pernoitas que Sanxenxo suma na tempada baixa", engaden desde o consistorio sanxenxino.
Se botamos a vista atrás hai 20 anos en Sanxenxo a tempada alta duraba só 2 meses, xullo e agosto. Desde a saída da crise os datos demostran que xuño e setembro alcanzan cifras de ocupación propias da tempada alta. Setembro converteuse no terceiro mes cunhas 120.000 pernoitas e xuño non queda moi lonxe desa cifra.
Relacionadas:
-
A Deputación desconfía das cifras de turismo da Xunta: "eses datos nin me cadran nin os miro na rúa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
O turismo galego "medra en cantidade, pero sobre todo en calidade"
Por Redacción |
-
Pontevedra pecha o mes de xullo cunha ocupación hostaleira do 70,4%
Por Oskar Viéitez |