Reunión de traballo entre o PP e un grupo de hostaleiros para buscar unhas 'peñas' que sexan "máis civilizadas"
Por Natalia Puga
Locais que relatan que ven obrigados a pechar os días de ''peñas'' porque non poden garantir a seguridade, limpeza e ambiente agradable aos seus clientes. Establecementos que nestes últimos anos perderon clientes porque se marcharon desgustados coa contorna do centro histórico durante esas xornadas. Empresarios que optaron por medidas como regalar tapóns aos seus hóspedes para que poidan durmir. Son só tres exemplos das situacións que este venres se expuxeron na reunión de traballo que mantiveron o PP de Pontevedra e un grupo de hostaleiros para tentar buscar unha solución para regular o que consideran unha celebración chea de 'incivismo'.
A reunión celebrouse no local municipal do PP e contou coa asistencia dos concelleiros deste partido Silvia Junco e Pablo Fernández e un grupo de hostaleiros que se consideran afectados polas celebracións que se suceden durante dúas fins de semana de agosto cada verán e que este ano terán dúas novas xornadas este sábado 10 e este domingo 11 polas rúas do centro histórico.
Dado que o PP carece de responsabilidades no Goberno local e a celebración é xa esta fin de semana, todos os presentes eran conscientes de que pouco se podería avanzar nesta reunión. Con todo, celebrouse igualmente e consideran que resultou satisfactoria, pois serviu para poñer sobre a mesa a situación e expor posibles solucións para regular as ''peñas'', que todos coinciden que "danan a imaxe de Pontevedra" e "dificultan a convivencia".
Os asistentes expuxeron as súas queixas a Junco e a Fernández, os cales se comprometeron a trasladar ao Concello as reclamacións dada a "pasividade" que ven no goberno local e que o portavoz do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, xa denunciou días atrás.
Tras esta primeira toma de contacto, os presentes decidiron emprazarse a unha nova reunión despois do verán, previsiblemente durante o mes de setembro, na que estarían presentes tanto os hostaleiros como outros afectados por esta situación coa que tamén conviven os veciños do centro histórico.
Ao termo da reunión, Silvia. Junco concluíu que "Pontevedra non pode seguir asi, Pontevedra non pode ser unha cidade sen lei, e máis cando estamos a falar das fins de semana máis importantes do ano" para os hostaleiros. "Fai falta un cambio e empezar, entre outras cousas, por máis presenza policial", reclamou.
Entre os hostaleiros presentes estaba Alberto, un dos socios do local Ye Olde Basset da avenida de Santa María, que trasladou que o seu negocio pechou o pasado domingo porque facía día de praia e non había outros actos festivos na cidade, pero que non pode permitirse pechar nin este sábado nin este domingo a pesar de que a contorna do seu establecemento vólvese un " botellódromo" que dificulta a súa actividade.
Segundo explicou, os hostaleiros están dispostos a "falar con todo o mundo" deste tema e fíxoo co PP porque son os únicos que lles chamaron. No seu ánimo está buscar un acordo xeral "para que esta situación das 'peñas' non se vaia tanto das mans".
Hai hostaleiros partidarios de regulalo. outros de regulalo e aumentar a presenza policial, outros que buscan fomentar que haxa menos balbordo e outros que apostan polo traslado da festa ao parque de Rosalía de Castro, onde se sitúa o denominado botellódromo.
A súa intención non é, en ningún caso, prohibir as 'peñas', "senón que sexan dunha forma un pouco máis civilizada" e buscar "a convivencia entre a xente que está de festa, os veciños e os hostaleiros".
Relacionadas:
-
O PP insiste en regular as 'peñas': "Esto está desmadrado y hay que controlarlo"
Por Natalia Puga |
-
O bo tempo e o día grande das festas animan ás 'peñas' para volver a tomar as prazas
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O PP pide diálogo para "reconducir" as 'peñas': "non ofrecemos nin boa imaxe nin imaxe de seguridade"
Por Natalia Puga |
-
Hostaleiros, indignados ante o "incivismo" dos días de 'peñas': "Hoxe Pontevedra non é Boa Vila"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Noite de peñas sen incidentes
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra acolle o primeiro día de peñas con menos afluencia da mocidade
Por Redacción |