Sanxenxo autoriza a instalación das atraccións en Portonovo onde viña sendo habitual
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín reuniuse este venres cun grupo de veciños de Portonovo que solicitaran este encontro. Segundo informaron desde o Concello "a reunión serviu para aclarar malentendidos" e o goberno atopou nestes veciños "unha interlocución e flexibilidade que non mostraran a comisión de festas e os feirantes nas tres reunións que mantivemos con eles".
A reunión responde o malestar veciñal ante o traslado das atraccións de feira desde o recinto do porto a Baltar durante as festas de san Roque, en Portonovo. Os veciños entregaron máis de 500 firmas para reclamar que non se faga o cambio.
De novo este sábado o alcalde volveuse a reunir con eses veciños e confirmoulles que autoriza a instalación das atraccións onde viña sendo habitual, pero só durante os cinco días que duran as festas, entre o 14 e 18 de agosto.
"Unha oferta que xa fixemos no seu momento e que foi rexeitada pola comisión de festas e os feirantes que viñan instalándose en Portonovo durante 11 días", lembraron desde o Concello.
O goberno local asegura que nunca entendeu porque as atraccións instalábanse con tanta antelación ás festas "e onte na reunión cos veciños de Portonovo quedou patente que a maioría de Portonovo tampouco o entende". "Supoñemos entón que debía responder o interese dos feirantes e a comisión de festas", engaden.
O Concello de Sanxenxo xa anuncia que "nos próximos anos as atraccións instalaranse só os días que duren as festas".