Toques de atención aos coches aparcados no centro histórico de Cuntis, declarado peonil as fins de semana
Por Redacción
O Concello de Cuntis, a través da agrupación de Protección Civil, lembrou este sábado aos condutores que estacionaron o seu coche no centro histórico do municipio que están a cometer unha irregularidade, pois desde o pasado 1 de agosto a zona foi declarada peonil durante as fins de semana.
Segundo puido comprobar PontevedraViva, na mañá deste sábado notificaron a todos os coches aparcados para facerlles saber que a entrada está prohibida para esas rúas. As notificacións non implican sanción, senón que, de momento, se realizan tan só son a título informativo para que o saiban os afectados.
O goberno municipal de Cuntis decidiu converter o centro histórico nunha zona de "absoluta preferencia peonil" en resposta ás peticións realizadas polos veciños e comerciantes da vila. A través dun bando asinado polo alcalde, Manuel Campos, púxose en marcha unha medida que supón que a zona é peonil de maneira provisional e durante as fins de semana para a recuperación deste espazo para a promoción da convivencia, da economía local e do turismo e a utilización por parte de toda a cidadanía.
A medida afecta a toda a contorna da Rúa da Igrexa desde a N-640 ata a Praza das Árbores, a Praza do Ferrol, a Praza de Galicia e a rúa Rúa do Balneario desde a ponte do río Gallo ata a Rúa da Presiña estará afectado por esta medida.
Non se permite a circulación de ningún vehículo de motor nin o estacionamento desde as 14.00 horas dos sábados ata as 24.00 horas dos domingos pola Rúa da Igrexa, Praza de Galicia, Praza das Árbores e parte da Praza do Ferrol. Só permitirase a entrada desde a N-640 aos taxis, aos servizos de emerxencia e aos servizos municipais.
Ademais, só queda permitida a circulación de vehículos de motor pola Rúa dá Presiña, no tramo da Praza do Ferrol e a Rúa do Balneario ata a ponte, permitíndose unicamente a parada por un tempo de quince minutos na zona de estacionamento habilitada na esquina da Praza de Galicia e o servizo de taxi.
A velocidade máxima por todas estas rúas queda limitada a 20 km/hora.