Catro horas da diversión máis colorida na primeira Holi Party de Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas tivo este sábado a súa tarde máis colorida. Durante catro horas, a partir das 19.00 da tarde, veciños e visitantes gozaron da primeira edición da Holi Party no campo de fútbol de Chan de Barcia.
Centos de persoas sumáronse á festa, na que houbo 40 qulos de pós de cores que se distribuíron mediante extintores e, para seguir a poñerlle cor á tarde, disparos de comprensión que se realizaron dende unha gran distancia co fin de favorecer o espectáculo.
Entre os asistentes había tanto persoas mozas de Ponte Caldelas como outras chegadas desde outros puntos da provincia e non faltou un público máis familiar que gozou do bo ambiente festivo. Todos cumpriron co único requisito desta festa, ir vestidos de branco.
Este evento contou con 10 mil vatios de son, pantallas LED, animación, actividades para todos os públicos e con sorpresas e agasallos para os asistentes, segundo a información facilitada polo Concello de Ponte Caldelas.
A banda sonora puxérona os DJs Dumore e Álvaro Malvar, que se encargaron de poñer os éxitos do momento. Baile, cores e diversión déronse cita nesta Holi Party, onde ademáis, o tempo acompañou con sol e calor.