Cruz Vermella Mocidade conta con 109 persoas novas voluntarias en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O voluntariado é o alicerce fundamental da Cruz Vermella. Actualmente son 109 as persoas novas voluntarias coas que conta esta institución en Pontevedra.
Grazas ao seu esforzo Cruz Vermella Mocidade en Pontevedra atendeu durante o 2018 aos menores en situación de vulnerabilidade a través de diferentes programas. En Promoción do éxito escolar, un proxecto que engloba actividades de reforzo académico, xogos, educación en valores como a igualdade, a paz, a cooperación, a hixiene ou a alimentación, participaron 419 menores. Ademais, dentro deste proxecto, repartíronse 6.712 merendas, e fixéronse 595 entregas de material escolar.
No programa de Animación hospitalaria infantil, que está financiado pola Xunta de Galicia e que se desenvolve no Complexo Hospitalario de Pontevedra e en Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, 46 persoas voluntarias atenderon a 614 menores ingresados nas plantas de pediatría, animándoos con xogos ou manualidades, así como realizando respiros familiares.
Noutros proxectos realizados en once centros educativos, participaron 938 menores en Prevención de condutas violentas, 3.766 en Educación para a saúde e 176 mozos recibiron talleres sobre Perspectiva de xénero e coeducación.
Máis de 380 menores beneficiáronse das actividades de lecer e tempo libre que Cruz Vermella Mocidade organiza durante as vacacións escolares, dirixidas por 51 voluntarios. Por outra banda, 69 mozos forman parte do proxecto Pineo, encamiñado a fomentar a educación en valores a través de xogos lúdicos.
Ademais, desde Cruz Vermella Mocidade animan a todos aqueles mozos que teñan inquietudes sociais, un espírito solidario e ganas de aproveitar o seu tempo libre en beneficio doutras persoas para formar parte desta institución.