Detida por levar un bolso con euros, dólares, libras e pesos que quedara esquecido nunha terraza
Por Natalia Puga
Mil euros, 300 dólares de Estados Unidos, 250 libras esterlinas, 5.000 pesos chilenos, 10.000 pesos uruguaios e outras moedas fraccionadas. Este é o botín que presuntamente logrou unha veciña de Pontevedra que acaba de ser detida polo furto dun bolso hai tres semanas en Marín.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, o furto produciuse o pasado 22 de xullo na terraza dun establecemento de hostalería da rúa Méndez Núñez de Marín. A vítima tiña o bolso con todo ese diñeiro español e estranxeiro en efectivo dentro e a agora detida presuntamente furtoullo aproveitando o seu descoido.
A vítima esqueceu o bolso na terraza do establecemento hostaleiro tras estar a tomar unha consumición e, cando regresou, xa non estaba. Acudiu á Comisaria de Marín e presentou unha denuncia, de modo que os axentes do Grupo Local de Policía Xudicial abriron unha investigación.
As investigacións tendentes ao esclarecemento dos feitos conduciron á identificación dunha muller como presunta autora do furto. Trátase dunha muller de 30 anos veciña de Pontevedra, que foi detida.
Os axentes lograron recuperar parte do diñeiro en moeda estranxeira.
Relacionadas:
-
Localizan un grupo de menores que fuxiu de Príncipe Felipe e foi de festa
Por Natalia Puga |
-
Detida unha muller que discutiu co seu xenro e agrediu cun machete un home que mediou entre eles
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Detido por resistencia tras protagonizar un altercado porque atopou o banco pechado
Por Natalia Puga |