Os técnicos de emerxencias volven alertar do "insuficiente" dispositivo dos días de 'peñas': "quedou curto toda a noite"
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez
A Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (ASGATE) fixo balance este luns da actividade dos servizos sanitarios durante esta fin de semana no que se celebraron 'peñas' polas rúas e prazas da cidade e, como conclusión, volveron a reiterar que o dispositivo posto en marcha polo Concello de Pontevedra resulta "insuficiente".
O Concello explicou que o servizo sanitario despregado implica catro ambulancias con persoal sanitario situadas estratexicamente en puntos de maior presencia de persoas. A estas hai que sumarlle as tres ambulancias (dous asistenciais e unha medicalizada) que ten de garda o 061 a fin de semana e que acaban facendo servizos case exclusivamente para peñas.
O presidente de ASGATE, José Iglesias, explicou que o dispositivo municipal é insuficiente, o que implica que as ambulancias do 061 que atenden a Pontevedra e a outros dez concellos deben realizar moitos servizos tamén en Pontevedra e mesmo queda escasa. Na noite do sábado e a madrugada do domingo o servizo "quedou curto toda a noite", en especial entre as 20.30 e as 6.30 horas, momento do primeiro e último servizo.
Esas ambulancias do 061 realizaron 24 servizos entre as xornadas de sábado e domingo, aos que habería que sumarlle os realizados polas ambulancias de Cruz Vermella do Concello.
O sábado, o Concello contabilizou 14 servizos: oito persoas atendidas in situ, dous trasladados por intoxicación etílica, un traslado por contusión, tres atendidos por cortes de cristais.
O domingo, foron contabilizados polo Concello sete servizos. Así, atenderon no sitio sen traslado a tres persoas por intoxicacións etílicas e houbo una persoa atendida por un mareo, dúas por cortes (unha trasladada ao hospital) e unha cuarta por enfermidade.
En canto aos servizos do 061, segundo explican, foron por cortes, intoxicacións etílicas e agresións. O sábado houbo 12 persoas trasladadas a centros médicos e hospitais por intoxicacións etílicas e, deles, sete foron menores: un neno e unha nena de 14 anos, unha nena de 15 e catro de 17.
Respecto diso, desde ASGATE denuncian que resulta prexudicial para esas persoas atendidas e para toda a sociedade que haxa tantos servizos que teñan que ser atendidos polo 061, pois deixa sen cobertura outros servizos. Ademais, ven unha "temeridade" que o Concello non reforce máis o operativo.
Relacionadas:
-
O PP insiste en regular as 'peñas': "Esto está desmadrado y hay que controlarlo"
Por Natalia Puga |
-
O goberno local non descarta instalar urinarios e reforzar a limpeza durante as peñas
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Denunciados unha persoa e un vehículo e identificados tres máis por usar altofalantes e poñer música o sábado de 'peñas'
Por Natalia Puga & Diego Torrado & Mónica Patxot |
-
O bo tempo e o día grande das festas animan ás 'peñas' para volver a tomar as prazas
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O PP pide diálogo para "reconducir" as 'peñas': "non ofrecemos nin boa imaxe nin imaxe de seguridade"
Por Natalia Puga |
-
Carme da Silva asegura que moitos pais permiten aos seus fillos saír de peñas como premio polas boas notas
Por Oskar Viéitez |
-
Noite de peñas sen incidentes
Por Oskar Viéitez |